Pasar al contenido principal

O programa Empréga-T chega ao seu fin

O programa Empréga-T chega ao seu fin
O programa Empréga-T chega ao seu fin

O programa Empréga-T da USC, concibido para traballar as habilidades brandas do estudantado de cara a facilitarlle a súa entrada ao eido profesional, remata esta semana cunha xornada sobre os posgraos e un networking final no que o alumnado poderá poñer en práctica todos os coñecementos adquiridos ao longo deste mes.

Especialíza-T
A sesión Especialíza-T mostraralle ao alumnado participante o valor da formación de posgrao e o seu impacto no mercado laboral. Trátase dunha mesa redonda, ás 12:00 horas en Ciencias Económicas e ás 16:00 en Relacións Laborais, na que se revisará o panorama xeral destes estudos en Galicia, con particular atención aos da USC e das Facultades que acollen as actividades.

Na sesión da mañá participarán o vicerreitor de Oferta Docente e Innovación Educativa, Roberto López; a conselleira delegada de M. Caeiro S.A., María Caeiro; e a decana da facultade anfitrioa, Emilia Vázquez. Pola tarde estarán, ademais de María Caeiro, a adxunta á Vicerreitoría de Oferta Docente e Innovación Educativa, María José Carreira; e un representante do decanato de Relacións Laborais.

Relacióna-T
O derradeiro paso deste programa é un evento que servirá de espazo de encontro entre a comunidade universitaria e o tecido económico galego e no que participarán representantes de empresas e outros axentes para que os futuros egresados poidan comezar a crear unha rede de contactos de cara á súa entrada no mundo profesional. Así mesmo, contarase coa experiencia de antigos alumnos na procura de emprego ou na posta en marcha da súa propia empresa.

Será ás 16.30 horas na Casa de Europa cando comece esta xornada, que terá un formato de networking no que o alumnado poida pór en práctica todo o aprendido previamente. Como elemento diferenciador, traballarase a técnica do PechaKucha (20 imaxes cunha duración de 20 segundos por imaxe) con dez estudantes que poderán realizar a súa presentación pública e amosar o seu valor como profesionais ante as empresas.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 23.11.2016.