Pasar al contenido principal

Representantes de administracións públicas analizan a súa axenda medioambiental na USC

As xornadas de debate celebráronse no Centro de Estudos Avanzados. Foto: Servimav-USC
As xornadas de debate celebráronse no Centro de Estudos Avanzados. Foto: Servimav-USC
A USC conta coa agrupación estratéxica CRETUS, composta por oito grupos de investigación e que aspira a ser centro de referencia internacional no eido das tecnoloxías ambientais

Coñecer os temas arredor dos que as administracións públicas definen a súa axenda medioambiental foi o obxectivo común do encontro celebrado recentemente no Centro de Estudos Avanzados da USC e no que representantes de concellos, organismos provinciais e autonómicos debateron o estado da cuestión xunto con medio cento de especialistas en tecnoloxía ambiental. A xornada organizouna a agrupación estratéxica CRETUS (Center for Research in Environmental Technologies) composta por oito grupos da Universidade de Santiago e pola Rede Galega de Tratamentos de Auga (rede REGATA) que conforman dez grupos de investigación das tres universidades galegas.

Coa intención de coñecer dende o eido da investigación as preocupacións así como os programas de intervención que as administracións públicas desenvolven en relación ao medioambiente, na xuntanza participaron representantes das consellarías de Medio Ambiente, do Medio rural e do Mar, MeteoGalicia, Augas de Galicia, Confederación Hidrográfica Miño-Sil, Acuaes, Federación Galega de Municipios e Provincias e Concello da Coruña. Xunto co persoal investigador estudáronse cuestións referidas a refugallos, augas residuais, solos, emisións atmosféricas ou estratexia ambiental.

CRETUS
Na propia xornada, o catedrático da USC Juan Lema explicou o cometido e retos destas dúas alianzas de investigación, salientando a propia da USC na que dende 2015 traballan un total de 38 docentes e 80 investigadores comprometidos co desenvolvemento sostible. CRETUS pretende converterse nun centro de referencia internacional no campo das tecnoloxías ambientais que ofreza ao mundo científico e empresarial solucións efectivas a problemas actuais e futuros.

A agrupación da USC oriéntase cara aos principais retos das axendas estratéxicas de I+D+i a nivel estatal e europeo, como son a xestión do ciclo da auga, a ordenación e aproveitamento do solo, a valorización de correntes residuais e as emisións e cambio climático.

REGATA
Pola súa banda, a rede REGATA ten como retos concretos a recuperación de recursos de augas residuais (auga, enerxía, produtos químicos, bioplásticos, fertilizantes…), a creación de sistemas más eficientes en consumo e en produción de enerxía, a eliminación eficaz de microcontaminantes e compostos recalcitrantes e a minimización de emisións de GHG e VOCs. Nesta rede traballan preto de 60 docentes e máis dun cento de investigadores.

A xornada organizouna a agrupación CRETUS e a Rede REGATA.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 27.07.2016.