Pasar al contenido principal

Investigadores de Ciencias da Educación radiografan o ensino de música na educación infantil en Galicia

A través de cuestionarios e entrevistas con máis de medio milleiro de docentes de ensino público, privado e educación concertada, a investigadora Rosa María Vicente Álvarez e o profesor da Facultade de Ciencias da Educación Jesús Rodríguez, do grupo de investigación Stellae, realizan un estudo descritivo sobre os materiais escolares para a materia de música en educación infantil en Galicia.

As principais conclusións do traballo apuntan cara os diferentes aspectos que conforman a práctica docente dende o punto de vista dos materiais, ámbito no que os investigadores sinalan como “inadecuado” o proceso de profesionalización do persoal docente encargado de impartir o ensino musical en educación infantil. Esta valoración derivaría da “falta de apoio doutros profesionais para fomentar o uso de novos materiais, o escaso uso de guías de avaliación ou o número limitado de estudos experimentais sobre materiais”. A partir da valoración das respostas acadadas, os investigadores tamén sinalan que a práctica docente neste materia está vinculada cun claro esforzo individual dos docentes encargados, mentres que “o traballo en equipo segue sendo escaso”.

A investigación mostra tamén a radiografía do profesorado encargado de impartir música en educación infantil: predominan as mulleres, 87,67% do profesorado, das que o 26,33% tiñan entre 28 e 33 anos, e o 32,55% de máis de 41 anos. Ademais, o 77,46% do profesorado consultado era fixo e concentrábase maioritariamente en escolas infantís e de primaria de carácter público. Do total de profesionais consultados, algo máis da metade indicou que a súa formación musical foi adquirida na Universidade e que só o 15,28% do profesorado no sector privado teñen realizado formación continua na materia, en comparación co 84,7% no sector público.

Con respecto á práctica docente a través dun instrumento musical, o 42% das mestras e mestres do estudo afirmaron ter formación específica nun instrumento musical. A frauta é o instrumento predominante (48,8%) no seu uso para a instrución musical dos futuros mestres. Séguelle a distancia o piano (21%) e os instrumentos de percusión como a pandeireta (8%).

A revista International Journal of Music Education , unhas das de máis alto impacto internacional do seu ámbito temático, recolle un artigo no que se expón en detalle o estudos dos investigadores da USC.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 28.07.2016.