Pasar al contenido principal

A Xunta apoiará a estabilización do profesorado de Medicina e a convocatoria de novas prazas

De esquerda a dereita, Luis Lima, Juan Viaño, Román Rodríguez, Jesús Vázquez, José Alberto Díez e Antonio Fernández-Campa. Foto:Xunta
De esquerda a dereita, Luis Lima, Juan Viaño, Román Rodríguez, Jesús Vázquez, José Alberto Díez e Antonio Fernández-Campa. Foto:Xunta

Os conselleiros en funcións de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, e de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez González, reuníronse este venres co reitor da Universidade de Santiago, Juan Viaño Rey, co fin de abordar vías que permitan o reforzo do persoal docente do Grao en Medicina. A Xunta coñeceu as necesidades de profesorado para os vindeiros anos a través dun informe elaborado pola propia universidade. Na xuntanza participaron tamén o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro; o xerente do Sergas, Antonio Fernández-Campa, e o vicerreitor de Organización Académica e Persoal Docente e Investigador, Luis Lima Rodríguez.

Segundo indicaron os conselleiros, a Xunta de Galicia ten previsto apoiar de xeito inmediato actuacións neste eido para o curso 2017/2018. Unha primeira fase consistiría na inclusión por parte da USC de prazas de profesor asociado LOU naquelas áreas onde haxa Profesorado Asociado de Ciencias da Saúde doutores (PACS), que, nunha segunda fase, estabilizaríanse a profesorado permanente con vinculación asistencial. O obxectivo é cubrir as baixas ocasionadas polas xubilacións e facilitar o comezo dunha carreira académica e investigadora aos profesionais clínicos.

Deste xeito a administración aposta pola estabilización dos docentes vinculados ao Grao en Medicina, ao tempo que se compromete co incremento do cadro de persoal desta titulación para os vindeiros anos. Tal e como indicaron os conselleiros, a Xunta autorizou xa este ano a saída a concurso de 33 novas prazas de PACS para esta titulación, co fin de atender as necesidades da facultade no presente curso.

Compromiso coa excelencia
Esta iniciativa en materia de profesorado enmárcase no compromiso da Xunta de Galicia coa excelencia da Facultade de Medicina, promovendo a calidade da docencia clínica. Neste sentido, as consellarías de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e de Sanidade asinaron en 2015 un convenio de colaboración coas tres universidades do Sistema Universitario de Galicia para regular a colaboración na docencia clínica.

Ao abeiro deste acordo ponse a disposición desta titulación o uso da totalidade dos recursos da rede pública de hospitais de Galicia, incorporando ademais á docencia das materias do rotatorio de 6º curso de Medicina a PACSs das universidades da Coruña e Vigo.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 04.11.2016.