O Campus de Excelencia Internacional Campus Vida formará parte da delegación galega en BioSpain 2016
O Campus de Excelencia Internacional Campus Vida participará no congreso BioSpain 2016 de xeito conxunto coa Axencia Galega de Innovación (GAIN), a Axencia de Coñecemento en Saúde (ACIS), Campus do Mar e o Clúster Tecnolóxico Empresarial das Ciencias da Vida (Bioga) para visibilizar de xeito integral a potencia do sector biotecnolóxico. BioSpain 2016 é un evento bienal organizado do 28 ao 30 de setembro en Bilbao pola Asociación española de Bioempresas (ASEBIO) e co organizado nesta edición polo Goberno Vasco a través da Axencia de Desenvolvemento Empresarial Vasca. Inclúe unha feira comercial, un evento de partnering, un foro de inversores e conferencias con convidados nacionais e internacionais, sesións científicas da man de dez sociedades científicas e un Foro de Emprego.
A delegación galega estará presente na zona de exposición nun espazo agrupado en 32 metros cadrados. Tamén haberá unha destacada participación dos asistentes na zona de partnering e non faltará actividades de visibilización do sector biotecnolóxico galego en paralelo ás actividades propias do evento. Como explica a GAIN, este proxecto de asistencia integrada conseguirá a maior representación galega en toda a historia do congreso BioSpain e unha das máis importantes representacións rexionais do encontro.
Segundo os datos do último informe Asebio, Galicia sitúase entre as primeiras comunidades españolas en canto á súa competitividade en innovación biotecnolóxica, sendo a terceira con maior actividade bioemprendedora no ámbito nacional. Ademais, a presenza de dous Campus de Excelencia Internacional fan da rexión un dos principais focos estatais de xeración de coñecemento en ciencias da vida. Pola súa banda, a Xunta de Galicia publicou recentemente a Estratexia Galega de Impulso á Biotecnoloxía que sinala o sector como clave para a competitividade futura da rexión e prevé a mobilización de máis de 200 millóns de euros para a creación de máis de 30 novas empresas biotecnolóxicas e 300 empregos especializados. As estimacións prevén que este sector podería alcanzar en Galicia un nivel de facturación de 300 millóns de euros anuais en 2020.