Pasar al contenido principal

A EPS de Enxeñaría testa variedades de caña e formas de xestión que permiten aumentar a produtividade de azucre en Guatemala

Héctor Manfredo Orozco Vászquez, xunto co director da súa tese de doutoramento e membros do tribunal
Héctor Manfredo Orozco Vászquez, xunto co director da súa tese de doutoramento e membros do tribunal
A tese realizada por Héctor Manfredo Orozco e dirixida por Santiago Pereira proba que as variedades de cana de azucre melloradas son máis produtivas e sustentables

O emprego de variedades de cana de azucre liberadas e melloradas por Gengicaña unido a un novo modelo de xestión inciden directamente no aumento da produtividade e na mellora da sustentabilidade do cultivo, segundo se desprende da investigación de doutoramento que vén de prensentar o investigador guatemalteco Héctor Manfredo Orozco Vásquez na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do campus de Lugo.

Os obxectivos desta tese, dirixida polo catedrático do Departamento de Produción Vexetal da USC na EPS de Enxeñaría Santiago Pereira Lorenzo, están centrados na avaliación do impacto das variedades liberadas e o uso dun Modelo de Xestión de Variedades de Cana de Azucre (MGVCA). O estudo baseouse en datos recollidos de lotes comerciais da corporación Pantaleón-Concepción durante as zafras 2013-14 a 2017-18, e a súa proxección á zafra 2020-21, con información de área cultivada, variedade, TAH e o seu compoñentes rendemento de cana en t de cana por ha (TCH) e concentración de azucre (CS) en kg de azucre por t de cana por ha (TCH) e concentración de azucre (CS) en kg de azucre por t de cana.

O incremento de TAH, TCH e CS estimouse mediante comparacións entre lotes con variedades recomendadas e non recomendadas. A contribución das variedades no incremento sostido do TAH obtívose comparando os incrementos en TAH, TCH e CS das nove zafras estudadas. A sustentabilidade do cultivo estimouse a partir do incremento das TAH segundo a xenética varietal, tanto no número como na área das variedades adoptadas.

A efectividade do MGVCA baseouse nas taxas de adopción das variedades recomendadas. O impacto das variedades liberadas viuse reflectido no incremento das TAH en 0,78, cun valor anual de 0,08 TAH, mediante o incremento de 5 TCH e 3,5 CS. A adopción das variedades nun 68% permitiu estimar que a AIA de Guatemala aumentará a súa TAH en 0,78 na zafra 2021-22, cuns escenarios varietais equilibrados en número e proporción de área.

A investigación de doutoramento desenvolvida por Orozco Vásquez no marco do programa de doutoramento en investigación agraria e forestal conclúe que as variedades modificadas e o uso do chamado modelo de xestión de variedades de cana de azucre contribúen ao incremento sostido da produtividade de azucre en Guatemala, un país no que o cultivo de cana de azucre e a produción azucreira é importante desde o punto de vista social e polo valor que achega á súa economía. Cómpre lembra tamén neste senso que a Agroindustria Azucreira de Guatemala incrementou a súa produtividade de azucre en preto do 100% desde 1960 ata a data, unha tendencia que debe continuar para mellorar a súa competitividade.

Tribunal de tese e cualificación

O catedrático da Universidade Politécnica de Madrid Federico Sau presidiu o tribunal encargado de avaliar a tese de doutoramento presentada por Orozco Vásquez. A investigadora da Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Evega) Emilia Díaz Losada e a catedrática da área de Tecnoloxía de Alimentos da USC Ángeles Romero completaron a nómina de integrantes do xurado, que acordou por unanimidade conceder a máxima cualificación de sobresaínte cum laude.

Héctor Manfredo Orozco Vásquez, na EPS de Enxeñaría de Lugo

Los contenidos de esta página se actualizaron el 12.02.2019.