Pasar al contenido principal

A Igrexa da Universidade alberga a mostra 'Á luz do Calixtino. O Códice de Santiago'

A Igrexa da Universidade alberga a mostra 'Á luz do Calixtino. O Códice de Santiago'
A Igrexa da Universidade alberga a mostra 'Á luz do Calixtino. O Códice de Santiago'

Con motivo da candidatura do Códice Calixtino para a súa inclusión no Rexistro Internacional da Memoria do Mundo da UNESCO, Turismo de Galicia leva á Igrexa da Universidade, en colaboración coa USC, a exposición Á luz do Calixtino. O Códice de Santiago.

A mostra inaugurouse este mércores nun acto no que participaron a vicerreitora de Estudantes, Cultura e Responsabilidade Social da USC, Dolores Álvarez; o director xerente de S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, Rafael Sánchez; o coordinador da mostra, o historiador Francisco Singul; e o concelleiro de Espazos Cidadáns, Dereito á Vivenda e Mobilidade, Jorge Duarte.

Á luz do Calixtino. O Códice de Santiago poderá visitarse de luns a sábado (excepto festivos) ata o 3 de novembro de 11.00 a 14.00 e de 16.00 a 20.30 horas.

Á luz do Calixtino
Cara a 1120-1124 Diego Gelmírez, primeiro arcebispo de Santiago de Compostela, ordena a un grupo de teólogos e ilustradores a compilación do Iacobus ou Libro de Santiago. Esa compilación recibe o nome de ‘Calixtino’ polo interese en simular que o seu redactor fora o papa Calixto II (1116-1124), gran benefactor da Igrexa de Santiago. En séculos seguintes realízanse varias copias completas ou parciais do códice, que reúne a historia da peregrinación a Compostela.

Ademais de varias láminas orixinais do artista Francisco Leiro, que forman parte da primeira versión completa do ‘Calixtino’ en lingua galega, a exposición mostra unha serie de fotografías actuais do camiño de Santiago de artistas como Luis Gabú, Santy López, Manuel Valcárcel, Margen Fotografía, Eutropio Rodríguez e Silvia Steinbach, que ilustran a vixencia dunha serie de textos orixinais do Liber Sancti Iacobi. Trátase, pois, dunha perfecta maridaxe entre o pensamento do século XII e a vivencia da peregrinación compostelá no XXI.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 14.09.2016.