Do 19 ao 30 de setembro celebraranse as xornadas de portas abertas nas actividades deportivas da USC

Ata o próximo día 30, as persoas interesadas poderán coñecer as distintas escolas deportivas da USC –agás tenis e piscina- en Santiago e Lugo a través das xornadas de portas abertas que organiza o Servizo de Deportes. No caso de grupo nos que o aforo estea completo, poderase observar o desenvolvemento da sesión e facer as consultas que se consideren oportunas. Na actualidade está aberto o prazo de inscrición, ademais de para as distintas sección do Club USC, para diversos programas de atletismo ou para a práctica libre.
Paralelamente, este martes 20 conmemórase o Día Internacional do Deporte Universitario. Sumándose á conmemoración e dentro das xornadas de portas abertas, parte das escolas deportivas que se desenvolverán en Compostela trasladaranse ao exterior, concretamente á zona central do complexo deportivo do Estadio de Atletismo. Dende as 17.30 horas será a quenda de baile en modalidade estándar e dende as 18.30 horas a de baile latino. A partir das 19.30, desenvolveranse unha sesión de Gap e tono e unha quedada de running en pista, para rematar a partir das 20.30 horas con zuma e unha segunda quedada de running.