Pasar al contenido principal

O xoves ás 16.21 horas comezará o outono

O xoves ás 16.21 horas comezará o outono
O xoves ás 16.21 horas comezará o outono

O outono comezará este xoves 22 ás 16.21 horas e prolongarase ata as 11.44 horas do 21 de decembro. Dende o punto de vista astronómico, nesta estación destaca a choiva das Xeminidas, cun máximo o 14 de decembro. Ademais, outras choivas de meteoros asociadas a esta época do ano son as Dracónidas (8 de outubro), as Oriónidas (21 de outubro) e as Leónidas (17 de novembro).

O día 14 de novembro producirase unha Superlúa, ao coincidir a fase chea coa posición máis próxima do satélite á Terra (perixeo). Como explica o director do Observatorio Astronómico Ramón María Aller, José Ángel Docobo, xa a mediados de decembro “haberá unha curiosa aliñación ao solpor dos planetas Mercurio, Venus e Marte”.

Na estación que comeza, será posible observar o planeta Mercurio no amencer ata finais de outubro e logo do solpor a partir de novembro, con condicións óptimas (máxima elongación) o 28 de setembro nas primeiras horas da mañá e o 11 de decembro nas primeiras da noite, en tanto que Saturno, agora moi preto de Marte, irá desaparecendo nas vindeiras semanas. Pola contra Xúpiter, visible antes do amencer a partir de outubro, irá saíndo cada vez antes ata verse durante a segunda metade da noite a mediados de decembro. Varias conxuncións planetarias e coa Lúa completan os fenómenos astronómicos máis sobranceiros do próximo outono.

Verán
Logo dun inverno e primavera moi chuviosos, o verán que agora remata foi un dos máis secos en Santiago nas últimas décadas, só interrompido pola torrencial noite do 12 ao 13 de setembro, con 56,3 l/m2, a segunda xornada en Santiago con máis precipitacións no que vai de ano, logo de que o 7 de xaneiro se recolleran 88,6 l/m2. Dende o 25 de setembro de 1998 (63,6 l) non houbera neste mes de setembro un día tan chuvioso.

Ata o momento, lévanse colectados 1.510 l/m2, sendo 1.840 l/m2 a media anual nos últimos 35 anos.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 20.09.2016.