Pasar al contenido principal

Na procura dun test sinxelo e rápido para detectar en hospitais a orixe dunha infección

“Por vez primeira un estudo atopa o que podería considerarse como o santo grial no terreo da infectoloxía: determinar se un neno padece unha infección vírica ou bacteriana”. Así define o profesor e pediatra do Hospital Clínico Universitario de Santiago Federico Martín o macro proxecto europeo que coordina xunto ao profesor da Facultade de Medicina Antonio Salas Ellacuriaga. Ambos investigadores, a través do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago, coordinan os proxectos EUCLIDS e PERFORM que abordan o estudo multi-céntrico e internacional participado por centos de investigadores para atopar solucións á perda de eficacia dos antibióticos.

É un tema de especial relevancia xa que un informe do goberno do Reino Unido alertou de que en 2050 morrerá unha persoa cada tres segundos debido a un patóxeno que ten adquirido resistencia a tratamentos convencionais. Os últimos avances neste eido acaba de recollelos nun artigo The Journal of the American Medical Association, publicación cun factor de impacto superior a 38 e, por tanto, ao de revistas recoñecidas como Nature ou Science.

Os resultados acadados polos investigadores reúnen o traballo desenvolvido por hospitais españois, ingleses, holandeses e americanos e inclúen información de máis de 350 rapaces menores de 5 anos que presentaban febre secundaria a diversas causas ben establecidas, tanto infeccións bacterianas como víricas ou febre por enfermidades infecciosas. Neles determinaron o patrón de expresión funcional xenética mediante a análise das súas transcriptomas e posteriormente seleccionaron aqueles xenes que permitían diferenciar uns pacientes doutros e facer unha selección dos que dunha forma máis fiable e sinxela permitisen a diagnose.

Segundo os investigadores, estes primeiros resultados permitirán no futuro implementar un tipo de test dunha maneira tecnicamente accesible e fácil, perfectamente aplicable nos laboratorios hospitalarios dun modo rápido e sinxelo. En opinión de Antonio Salas, “esta é a parte máis importante do estudo: tal e como apuntan os resultados que temos obtido pronto teremos un sinxelo test que nos permitirá diferenciar entre infeccións bacterianas, graves ou incluso letais, das infección víricas”.

Salas refire tamén que “o estudo é novidoso dende diversas perspectivas: é a primeira vez que se concibe un deseño experimental destas características, con pacientes tan ben definidos e cos tamaños de mostra axeitados para poder abordar un problema desta dimensión”. Ademais “utilizáronse ferramentas innovadoras que permitiron analizar o espectro funcional completo dun individuo, é dicir, qué mecanismos, de xeito globalizado, se están poñendo en funcionamento nunha infección, xa sexa vírica ou bacteriana”.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 22.09.2016.