A entrega do premio Grupo Compostela-Xunta de Galicia a CIRCOM Rexional pechou a asemblea xeral en Castelló

O Grupo Compostela de Universidades (CGU) deu por finalizada este martes en Castelló a súa asemblea xeral coa entrega do XX Premio Internacional Grupo Compostela-Xunta de Galicia a CIRCOM Rexional, a Asociación Profesional de Televisións Públicas Rexionais de Europa formada por máis de 300 canles de 30 estados europeos.
O xurado destacou desta asociación a súa promoción dos valores de tolerancia, diversidade e integración, así como o seu importante rol na promoción da identidade europea. Durante o acto de entrega a presidenta de CIRCOM, Tone Kunst, puxo en valor a importancia que a transmisión de valores ten no traballo en rede desta asociación, da que son parte máis de 10.000 xornalistas. O seu secretario xeral, Fernando Ojea, anunciou que a contribución económica do premio –6.000 euros– foi concedida ao Consello de Europa para facilitar a participación de mozos sirios no campamento de paz que organizan cada verán, no que se promove o diálogo intercultural entre a mocidade de diferentes países.
A xuntanza, á que asistiu o reitor Juan Viaño, foi tamén escenario dos premios da primeira edición do Research Pitches Contest organizado pola Universitat Jaume I, que tras esta edición piloto se estenderá o próximo ano a todas as universidades membro do CGU. A terceira edición dos Diálogos Compostela en Educación e a segunda edición dos Compostela Café, ambos os dous centrados na ética na educación superior e nos seus procesos de internacionalización, completaron o programa destas xornadas académicas que reuniron máis de 60 representantes dunha trintena de institucións de educación superior.