Pasar al contenido principal

O Centro de Linguas Modernas e o de Documentación e Estudos Europeos da USC súmanse ao Día Europeo das Linguas

O Centro de Linguas Modernas e o de Documentación e Estudos Europeos da USC súmanse ao Día Europeo das Linguas
O Centro de Linguas Modernas e o de Documentación e Estudos Europeos da USC súmanse ao Día Europeo das Linguas

Con carácter gratuíto e abertas a calquera persoa sen necesidade de inscrición previa o Centro de Documentación e Estudos Europeos (CEDE) e o Centro de Linguas Modernas da USC (CLM), xunto coa Escola Oficial de Idiomas de Santiago, organizan unha serie de actividades para conmemorar o Día Europeo das Linguas. Os tres centros realizarán actividades de divulgación sobre o ensino e uso de diferentes idiomas na Unión Europea en xeral e en Compostela en particular. A finalidade é trasladar o fomento das linguas fóra do ámbito académico, achegando a realidade e os valores da diversidade lingüística e o plurilingüismo ao corazón da cidade.

Así, o luns 26 ás 20.00 horas celebrarase no Centro Sociocultural O Ensanche un programa que incluirá presentacións sobre as actividades académica e de divulgación do plurilingüismo/multilingüismo desenvolvidos polos centros organizadores. No caso do CLM abarcaría, a modo de exemplo, aulas e actividades de intercambio lingüístico fóra das súas dependencias como o café de linguas na biblioteca Concepción Arenal ou as andainas lingüísticas. Paralelamente, persoal do CEDE impartirá unha sesión sobre o plurilingüímo/multilingüismo como realidade social e institucional na Unión Europea.

A maiores, tanto o luns como o martes, o Centro de Linguas Modernas celebrará sesións de portas abertas de alemán, catalán, checo, danés, español, francés, galego para non galegofalantes, italiano e portugués. Pola súa banda a Escola Oficial de Idiomas de Vite organiza ‘Clases de degustación cero’ para mostrar as características básicas dunha serie de diferentes idiomas europeos, entre eles o sueco, o bretón ou o francés.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 23.09.2016.