Remata o prazo para presentar propostas ao simposio ‘Redes de contacto entre músicos, literatos e ideólogos na Galicia do eixe atlántico’
A etapa comprendida entre a metade do século XIX e a Guerra Civil foi fundamental para a definición das ‘etiquetas’ que definen a música galega. Ao espertar do aprecio polo folclore entre a burguesía intelectual galega da Restauración seguiulle un cada vez maior interese en adoptar símbolos identitarios propios que se buscaban na historia, na fala ou na música; un proceso que quedará truncado en 1936, se ben os elementos definitorios da cultura galega seguirán empregándose, e mesmo farán uso deles o aparato propagandístico da ditadura.
Tomado este proceso como base e as grandes urbes do Atlantico como contexto, a comezos de decembro terá lugar en Pontevedra o simposio ‘Redes de contacto entre músicos, literatos e ideólogos na Galicia do eixe atlántico’ que, entre outros, organiza a Área de Historia da Música da USC.
O programa contempla varias sesións temáticas arredor de Ramón de Arana e Ferrol; A Coruña e Compostela como eixos urbanos de actividade musical e teatral; universos sonoros na obra de Torrente Ballester; ou Pontevedra e Vig, imaxes da Galicia proxectadas alén do Atlántico.
Quen desexe participar neste encontro científico deberá presentar antes deste venres 30 a proposta do traballo (título e resumo), para ser avaliado por un comité científico.