Pasar al contenido principal

Argos busca integrantes para os seus equipos multidisciplinares

Argos busca integrantes para os seus equipos multidisciplinares
Argos busca integrantes para os seus equipos multidisciplinares

Traballo en equipo e ‘aprender facendo’ son as claves do Programa Argos da USC, que mantén aberta ata o 21 de outubro a inscrición para alumnado de posgrao, máster, doutoramento ou últimos anos de grao, titulados/as das últimas promocións e persoal ou colaboradores integrados en grupos de investigación.

Argos susténtase en tres ideas: a complementariedade de perfís persoais e profesionais no equipo; a presenza dunha persoa con coñecementos de xestión empresariais; e o acceso á carteira de resultados de investigación da USC e ideas procedentes de empresas da contorna de Santiago que poderán ser a base do seu plan de empresa. O seu obxectivo é conformar equipos interdisciplinares aos que se lles facilitará acompañamento e asesoramento no proceso de definición dunha idea de negocio ademais de avaliar a súa capacidade para chegar a constituír un proxecto empresarial convincente.

O programa comeza o 9 de novembro cunha sesión de adestramento en exterior (outdoor training) e de traballo en equipo. A partir de aí procederase á constitución dos equipos multidisciplinares con 4 ou 5 integrantes que, finalmente, desenvolverán un plan de empresa titorizados por persoal de Argos para presentalo ante un xurado.

Premios
Ao remate do programa os plans entregados poderán optar a algunhas das dúas categorías de premios establecidas e dotadas con 3.000 euros cada unha (Argos Spin para proxectos baseados en resultados de investigación da USC, e Argos Enxeño para os xurdidos de ideas propias ou empresas do contorno de Santiago) e seis meses de acceso gratuíto a espazos de incubación.

A inscrición pode facerse cumprimentando o formulario dispoñible en http://www.uninova.org/ ou en http://www.usc.es/es/investigacion/avte/emprendedores/argos.html, que deberá remitirse por correo electrónico a argos [at] usc.es (argos[at]usc[dot]es). As persoas interesadas poden acadar máis información nos teléfonos 881.815.593 / 596 / 576.

Argos é unha iniciativa conxunta da Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento da USC (AVTE) e da incubadora de empresas Uninova coa colaboración das facultades de Ciencias Económicas e Empresariais de Santiago e de Administración e Dirección de Empresas de Lugo.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 26.09.2016.