Comezou Spin2016, o maior evento de emprendemento universitario

Spin2016, o maior evento dedicado ao emprendemento universitario, inaugurouse esta mañá na Cidade da Cultura nun acto que presidiu o titular da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo e no que interviñeron ademais a secretaria xeral iberoamericana, Rebeca Grynspan; o secretario xeral da Organización de Estados Iberoamericanos para a Educación, a Ciencia e a Cultura, Paulo Speller; o presidente de RedEmprendia e reitor da Universidade de São Paulo, Marco António Zago; e o vicepresidente e conselleiro executivo de Banco Santander, Rodrigo Echenique. Previamente tivo lugar unha masterclass do músico e compositor arxentino Gustavo Santaolalla, gañador de dous Premios Oscar á Mellor Banda Sonora por Babel e BrokeBack Mountain.
En Spin 2016 participan máis de 3.000 persoas -estudantes, emprendedores, inversores, académicos e representantes de universidades de toda América Latina, España e Portugal-, 70 relatores e un centenar de proxectos emprendedores, que se darán cita en Compostela ata este sábado.
Entre os proxectos emprendedores e empresas nacidas da universidade que se darán a coñecer no encontro destacan moi especialmente as 15 seleccionadas para o foro de investimento internacional SmartMoney4Stars e os 30 finalistas do programa Model2Market. Estes últimos participaron estes días nun obradoiro de formación intensivo impartido polo prestixioso IC 2 Institute da Universidade de Texas at Austin, e o sábado competirán por 100.000 euros en premios na Pitch Competition de Spin2016.
Spin2016
Spin2016 é unha iniciativa de RedEmprendia, co organizada con Banco Santander, a través de Santander Universidades, a Universidade de Santiago de Compostela, a Fundación Cidade da Cultura de Galicia e a Xunta de Galicia. Conta ademais co apoio da Deputación de A Coruña, Estrella Galicia, Fundación EY, Indra, Gas Natural Fenosa, Google, Paypal, Tecnocom, a Fundación Paideia e a Cátedra UPM-Clarke, Modet & Cº España, e a colaboración de máis de medio centenar de organizacións públicas e privadas e universidades.
Intervención do secretario xeral de Uniemprende, Senén Barro (Foto: Santi Alvite) Á inauguración acudiron numerosas autoridades civís e académicas (Foto: Santi Alvite) Foto de grupo das autoridades asistentes á inauguración (Foto: Santi Alvite)