Inauguración da exposición ‘Aos olhos de Eduardo. O artista que retratou Amarante’

O Colexio de Fonseca acubillará a partir deste mércores 6 a exposición ‘Aos olhos de Eduardo. O artista que retratou Amarante’, do recoñecido fotógrafo portugués Eduardo Teixeira Pinto, falecido en 2009.
A inauguración terá lugar ás 20.30 horas nun acto no que participan a vicerreitora de Estudantes, Cutlura e Responsabilidade Social da USC, Dolores Álvarez; o presidente da Fundación Vicente Risco, Luis Martínez-Risco Daviña; e a presidenta da Associação para a criação do Museu Eduardo Teixeira, Verónica Teixeira.
Trátase dunha selección de 70 imaxes realizadas por un dos mellores e máis galardoados fotógrafos portugueses do século XX que retratou coa súa cámara a paisaxe, cultura e formas de vida da súa terra, Amarante.
A mostra, realizada en colaboración coa Fundación Vicente Risco e a Associação para a criação do Museu Eduardo Teixeira, poderá visitarse ata o 31 de xullo en horario de luns a sábado de 11.00 a 14.00 h e de 17.00 a 20.30 horas.