Pasar al contenido principal

O doutor arxentino Osvaldo René Pamparana conxuga medicina e arte pictórica nos seus últimos libros

Osvaldo René, nunha conferencia recente sobre a relación entre arte e medicina
Osvaldo René, nunha conferencia recente sobre a relación entre arte e medicina
Presentaraos este martes na Facultade de Medicina

A Aula Castelao da Facultade de Medicina acollerá este martes 5 a presentación dos libros La medicina y el arte e Arte + arte + algo de Medicina, dos que é autor Osvaldo René Pamparana, profesor na Cátedra de Historia da Medicina da Facultade de Medicina e colaborador permanente da primeira cátedra de Clínica Médica da Universidade Nacional de Rosario (Arxentina). Será nun acto a partir das 19.30 horas no que tamén intervirán o decano da Facultade compostelá, Juan Gestal, e o secretario xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo Manuel Lorenzo Suárez.

En ambos os dous títulos ofrécese unha conxunción de dúas disciplinas que comparten como base común o humanismo. No caso de La Medicina y el arte, o seu prologuista, o doutor Marcelo Julio Berra, subliña a achega que “este libro descritivo representa para a historiografía médica”. O traballo de René Pamparana “ sorprende polas importantes ilustracións que describen pictoricamente patoloxías non descritas como tal no momento que foron realizadas polos máis grandes artistas de todos os tempos”. En conxunto, “ estamos ante unha importante achega que o autor ofrece a través dunha ampla documentación gráfica prolixamente seleccionada da iconografía universal, que ilustra con certeiras análises patolóxicas”.

En paralelo ao exercicio médico, Osvaldo René traballa intensamente á promoción da arte universal a través de conferencias e exposicións, con especial atención á difusión da arte arxentina. No caso dos dous títulos que este martes presenta na Facultade de Medicina da USC, ambas son obras galardoadas coa ‘Faja de Honor’ na súa especialidade pola Sociedade de Escritores da Provincia de Bos Aires e avaladas por diversas unidades académica e institucións profesionais. O autor xa traballa nunha nova proposta, Un episodio de la fiebre amarilla, sobre a análise histórica, contextual e epidemiolóxica desta peste que ten causado e causa estragos na humanidade.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 05.07.2016.