A USC, unha universidade comprometida coa súa contorna
44 titulacións oficiais de grao, 57 másteres oficiais e 54 programas de doutoramento impartidos a máis de 29.000 alumnos –o 40% do Sistema Universitario de Galicia–, cun grao de satisfacción coa docencia que chega aos 8 puntos nunha escala de 10 e cunha taxa de éxito global que se aproxima ao 90%.
Estes son algúns datos recollidos na Memoria de Responsabilidade Social 2014-2015 que este xoves se presentou en San Xerome e que dá conta do desempeño económico, ambiental e social correspondente aos exercicios deses dous anos. No acto participaron o reitor Juan Viaño e a vicerreitora de Estudantes, Cultura e Responsabilidade Social, Dolores Álvarez , que estiveron acompañados da coordinadora do Servizo Universitario de Residencias con competencias no ámbito de Residencias e Responsabilidade Social, María Dolores Cadaval Sampedro.
Na súa intervención, o reitor salientou que o pasado bienio ten sido “o da consolidación dos aspectos fundamentais, tratando de manter o equilibrio orzamentario, a redución da débeda e o avance no compromiso social e medioambiental”. De feito, dixo, “varios recoñecementos internacionais nos permiten falar dun camiño correcto na docencia e na investigación”.
“Somos ademais –engadiu– unha universidade que fomenta o emprendemento e a transferencia de resultados de investigación á sociedade, algo que dá como resultado os numerosos premios que conseguiron os nosos docentes e investigadores así como tamén o posicionamento da institución en ránkings mundiais, como o de Shanghái”.
USC en cifras
O documento ofrece de maneira moi visual datos e indicadores da actividade universitaria neses dous anos. Tamén fala do capital humano, que contabiliza máis de 3.000 persoas entre persoal docente e investigador e de administración e servizos, cunha idade media de 52,7 para o primeiro e de 49,6 para o segundo.
No apartado de investigación e transferencia é salientable o incremento nun 15% de captación de recursos externos por parte do persoal investigador con respecto a 2013 –65 millóns de euros captados en convocatorias competitivas e 20 en non competitivas– e a incorporación de 271 persoas investigadoras nas diferentes categorías predoutorais, posdou e persoal de apoio. Ademais, a Fundación CYD situaba en 2014 a USC na cuartaposición en número de solicitudes de patentes españolas.
No que respecta á produción científica e resultados de investigación hai que destacar as máis de 600 teses de doutoramento defendidas nese período, os máis de 3.400 artigos publicados en revistas científicas de impacto (JCR) e os case 400 libros e monografías publicadas.
A memoria ofrece tamén datos sobre o compromiso da USC co medio ambiente, que se traduce nun esforzo en materia de desenvolvemento sostible que sitúa a institución como a única galega e a novena de España recoñecida no GreenMetric of World University Ranking. O documento remata coa parte dedicada á economía salientando, entre outras cifras, a redución do déficit nese período en 2.137.794,17 euros.
Novena edición
Trátase da novena memoria destas características que edita a Universidade compostelá e é a primeira que se redacta de acordo coa versión G4 da guía para memorias de sostibilidade de Global Reporting Initiative (GRI). Para a súa elaboración tívose moi en conta a participación dos grupos de interese da USC: estudantado, persoal, provedores, empresas, institucións docentes, administracións públicas, terceiro sector e sociedade.
A USC conta cun espazo web especialmente dedicado a reportar nesta materia (USC Responsable), onde se pode atopar a información, os datos e indicadores, así como as versións dixitais de todas as memorias editadas.