Xuntanza do Consello de Goberno da USC
O Consello de Goberno da USC reunirase este venres en San Xerome para, entre outros asuntos, someter a aprobación a proposta de Orzamento da institución e a actualización da programación plurianual para 2017, así como para a elección dos representantes de estudantado nas comisións do Consello de Goberno e no Consello Social e a convocatoria de bolsas de comedor do Servizo Universitario de Residencias (SUR) do presente curso.
Nesta xuntanza tamén se someterán a debate as memorias de títulos propios e a aprobación dos criterios e calendario para as novas propostas e modificacións de titulacións de grao, máster e programas de doutoramento para o curso 2018/2019. Outros asuntos incluídos na orde do día serán a convocatoria de prazas vacantes de PDI e as súas comisións de selección, os complementos da actividade investigadora de persoal docente contratado por tempo indefinido da convocatoria de 2015, a modificación de asignación de complementos autonómicos de recoñecemento á excelencia curricular dese mesmo ano ou a a probación das memorias das actividades realizadas durante 2015-2016 de licencias por período sabático, ademais da formulación de oferta de prazas da USC na convocatoria Ramón y Cajal 2016.
Completará a relación de temas a tratar a aprobación, se procede, do Programa de Xestión Integrada (PIXI) de ‘Deseño racional de nanotransportadores de fármacos’.