Pasar al contenido principal

Un alumno do Máster en Dirección de Proxectos da USC, entre os gañadores do torneo internacional ‘eCollaboration Global 2016’

José Mario Mora, terceiro pola dereita na fila de pé, con compañeiros de promoción do Máster en Dirección de Proxectos da USC
José Mario Mora, terceiro pola dereita na fila de pé, con compañeiros de promoción do Máster en Dirección de Proxectos da USC
O ecuatoriano José Mario Mora Marich formou parte do equipo campión desta competición en liña, na que participaron profesionais de 19 países

O alumno do Máster en Dirección de Proxectos do Campus Terra da USC José Mario Mora Marich vén de proclamarse campión da quinta edición da competición internacional ‘ eCollaboration Global 2016’, un torneo organizado pola International Project Management Association (IPMA), desde su sección IPMA Young Crew e no que tomaron parte profesionais da dirección de proxectos de 19 nacionalidades diferentes.

José Mario Mora Marich proclamouse campión desta quinta edición da Gecco 2016 co equipo ‘ Nómadas do Antártico’, do que ademais deste titulado da Escola Politécnica Superior (EPS) do Campus Terra da USC tamén formaban parte outros cinco representantes procedentes de Italia, Rusia, Finlandia, Chile, Letonia. A competición da GeCCo 2016 desenvolveuse o 12 de novembro, data na que cada equipo recibiu un caso de estudo, acompañado dun programa de tarefas a realizar. O tempo asignado para a resolución probas requiridas foi de 24 horas. Ademais das propias esixencias da proba, a comunicación virtual, a dinámica dos grupos, a confluencia de representantes de distintas culturas e a conciliación de diferentes franxas horarias, en función da procedencia de cada un dos integrantes de cada equipo, constituíron, entre outras, dificultades engadidas que tiveron que sortear todos os participantes nun torneo xa de por si moi esixente. A GeCCo 2016 é unha competición que se desenvolve en liña. As persoas inscritas para tomar parte neste torneo quedaron incluídas en equipos confeccionados de forma aleatoria e integrados por 6 membros de distintos países. Os responsables da configuración dos equipos non tivo en conta a experiencia previa nin a área de coñecemento da que procedían os participantes. Daquela, antes do desenvolvemento das probas de competición propiamente ditas, todos os participantes, agrupados por equipos, tiveron que completar unha serie de tarefas orientadas a favorecer o coñecemento dos distintos integrantes de cada equipo, e tamén a reforzar a súas capacidades e potencialidades para traballar en grupo. O éxito deste alumno do Máster en Dirección de Proxectos da USC na GeCCo 2016 vén a ampliar os recoñecementos xa sumados por este posgrao oficial da USC nos últimos anos. Cómpre lembrar neste senso o meritorio terceiro posto acadado por un equipo do Máster en Dirección de Proxectos da USC no I Campionato Internacional de Dirección de Proxectos celebrado en Vilna (Lituania) en 2014. Cabe destacar asemade o Accésit do Premio ‘Joven Investigador’ obtido en 2015 por Hadriana Rodríguez Castiñeira, alumna da sétima promoción do máster, no XIX Congreso Internacional de Dirección de Enxeñaría de Proxectos polo traballo titulado ‘Detección de tendencias temáticas na investigación sobre dirección e xestión de proxectos’, dirixido polo profesor Emilio Díaz Varela. Posgrao con traxectoria exitosa Logo da traxectoria de éxito acreditada nos últimos anos por este posgrao da USC, o coordinador do máster en Dirección de Proxectos da USC, o profesor Carlos Amiama Ares salientou que “os recoñecementos internacionais obtidos polos nosos alumnos proban que a formación impartida ao abeiro do máster en Dirección de Proxectos da USC confírelles as destrezas, coñecementos e competencias para abordar problemas complexos no ámbito da xestión de proxectos”. “O grao de cualificación exhibido polos estudantes formados neste posgrao da USC garántelles a posibilidade de exercer a actividade profesional como directores de proxectos nun contexto internacional”, engadiu Amiama Ares, para quen o Máster en Dirección de Proxectos da USC xa acadou un grao de madurez tal que lle permite terse consolidado como un programa de referencia no marco da oferta formativa do Sistema Universitario Galego, sinala Carlos Amiama. O coordinador deste posgrao oficial da USC, no que participan como docentes profesores das tres universidades galegas, ademais de numerosos relatores de recoñecido prestixio no eido da dirección de proxectos, sinalou que a continuidade deste posgrao universitario é viable grazas ás achegas financeiras que recibe da Deputación Provincial de Lugo.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 14.12.2016.