Pasar al contenido principal

O mércores chega o inverno

Remata un dos outonos máis secos dos últimos 35 anos en Compostela

Ás 11:44 horas do vindeiro mércores 21 dará comezo o inverno no hemisferio boreal. O noso inverno (o verán no hemisferio sur) é a estación máis curta do ano, con 88,99 días fronte aos 93,66 que aquí dura o verán.

A esa hora exacta do mércores terá lugar o solsticio de decembro, momento no que o Sol acadará a mínima declinación e será cando a duración do día sexa a menor posible (unhas 9 horas). A este respecto, o director do Observatorio Astronómico Ramón María Aller da USC (OARMA), José Ángel Docobo, matiza que as tardes xa están medrando dende o pasado día 7 “a costa das mañás, que non aumentarán ata Reis” debido a que os nosos reloxos están axustados ao chamado Sol Medio e non ao Sol.

Queda así atrás o outono, que aínda que adoita ser a estación mais chuviosa na contorna de Compostela, este ano, seguindo a tendencia de 2015, resultou ser bastante seco con só 321,1 litros/m2 recollidos, o que confirma que despois do de 2007 (162,3 l/m2) este outono foi o segundo máis seco dos últimos 35 anos en Compostela. Iso si, se daquela a temperatura máxima de decembro se rexistrara en Santiago o día 4 con 16º6, este ano o día 5 acadáronse os 20º6, os 19º9 o día 4, 19º8 o 6, 18º6 o 8, 18º5 o 9 e 18º3 o 12.

Fenómenos
Entre os fenómenos astronómicos que Terán lugar neste inverno destaca a chuvia de meteoros das Cuadrántidas desde o 28 deste mes ata o 12 de xaneiro, se ben o máximo está previsto para o día 3.

Ademais, haberá unha eclipse penumbral de Lúa que comezará o 10 de febreiro ás 23:34 e rematará ás 3:53 do día seguinte e que probablemente pase desapercibida. “Haberá que agardar o verán para poder ver unha eclipse parcial de Sol, aínda que de pouca magnitude, en Galicia”, explica Docobo, que tamén adianta a eclipse anelar de Sol do 26 de febreiro “que só se verá dende Sudamérica, o Atlántico sur e África”.

A comezos do novo ano, con prismáticos ou un pequeno telescopio tamén será posible observar o cometa 45P/Honda-Mrkos-Pajdusakova no solpor moi preto de Venus, que é actualmente o luceiro vespertino brillando cara ao suroeste. Ata finais deste mes poderá observarse a Mercurio logo do solpor, que pasará a estar no crepúsculo matutino en xaneiro e febreiro. Marte, visible a primeiras horas da noite, formará unha curiosa aliñación coa Lúa e mais Venus en torno ao comezo de ano e logo tamén a finais de xaneiro. Pola contra, Xúpiter irase vendo cada vez máis cedo, chegando a poder contemplarse case toda a noite ben entrado o inverno.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 19.12.2016.