Un concerto clausurará a exposición ‘Vístete, selecta de vestiario da Aula de Teatro da USC no seu XXV Aniversario’
Un concerto de Ana Pazos Pintor (corneto) e de Julia Ammerman Yebra (órgano) clausurará este xoves 19 a exposición ‘Vístete. Selecta de vestiario da Aula de Teatro da USC no seu XXV Aniversario’. A partir das 21.00 horas na Igrexa da Universidade, interpretarán ‘Susanne un jour’ de Orlando di Lasso; ‘Ballet’ de Michael Praetorius; ‘Io son ferito’ de Palestrina; e ‘Pavane: belle qui tiens ma vie’ de Thoinot Arbeau.
Dende o pasado 20 de abril, a Igrexa da Universidade acolle a mostra ‘Vístete’, un percorrido polos vinte e cinco anos de historia da Aula de Teatro da USC a través do vestiario utilizado nas súas obras, elementos da escenografía de cada representación, así como material gráfico como carteleiras ou fotografías.
O punto de arranque desta percorrido visual sitúase no curso 1990-1991 coa estrea de ‘A esperar a Godot’, de S. Beckett, baixo a dirección de Roberto Salgueiro e con vestiario e carteis de Kukas, e chega ata o curso 2014-2015 cando a Aula subiu ás táboas ‘Sweeney Todd, o barbeiro diabólico da rúa Fleet’.