Entrega de premios e insignias aos novos enxeñeiros agrícolas formados na Escola Politécnica Superior do Campus Terra
Os colexios oficiais de enxeñeiros técnicos agrícolas celebrarán este mércores o acto de entrega de insignias e Premios Fin de Carreira San Cidre 2016 aos novos titulados en Enxeñaría Técnica Agrícola e aos graduados en Enxeñaría Agrícola e do Medio Rural, Enxeñaría das Industrias Agroalimentarias e Enxeñaría Agrícola e Agroalimentaria, así como aos autores dos mellores proxectos de fin de carreira e fin de grao e estudos técnicos.
O vicerreitor de Coordinación do campus de Lugo, Javier Bueno, foi o encargado de guiar unha protocolaria sesión académica, no marco da que tamén interviron o director da Escola Politécnica Superior, Tomás Cuesta; os presidentes dos colexios oficiais de enxeñeiros técnicos agrícolas de Lugo e de A Coruña e Pontevedra, José Armando Rey e Rafael Muíños, respectivamente, ademais da subdirectora de Planificación e Coordinación de Fondos PDR da Consellería de Medio Rural, Patricia Ulloa Alonso, quen ofreceu un relatorio sobre o programa de desenvolvemento rural de Galicia PDR 2014-2010. Unha vez rematada a quenda de intervencións, o secretario do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Agrícolas de Coruña e Pontevedra, Mario Fernández Redondo, procedeu á lectura dos novos enxeñeiros agrícolas que resultaron premiados na convocatoria de Premios San Cidre 2016. O graduado en Enxeñaría das Industrias Alimentarias Hiran Varela Rodríguez recibiu o primeiro premio, dotado con 900 euros en metálico, insignia de ouro e diploma, polo traballo de final de grao ‘Instalación de dispositivo para a revalorización de sangue e outros subprodutos da industria cárnica’. Asemade, a graduada en Enxeñaría Agrícola e do Medio Rural Carmen Muíños Lodeiro, acadou o seu segundo premio San Cidre 2016 polo TFG ‘Conversión a ecolóxico dunha gandería de vacuno de leite de 190 cabezas en Guntín’. Os terceiros premios desta convocatoria de Premios San Cidre 2016, promovida polos colexios profesionais de enxeñeiros agrícolas, distinguiron os traballos presentados por Iván Blanco Táboas, María López de la Calle e Iván Paucek Pagán. Tamén foron galardoados cunha insignia do colexio profesional os novos enxeñeiros agrícolas Desiree Chapel González, Katia Estalote Lago, Patricia Parada Pena e Marina Riveiro Canosa. Docentes e titulados asistentes ao acto desenvolvido na Escola Politécnica Superior do Campus Terra da USC