Pasar al contenido principal

A USC estudará a calidade percibida e satisfacción dos pacientes do Hospital Juan Cardona

De esquerda a dereita, Ramón Lorenzo Esperante (da Fundación hospitalaria), Alberto Lens Tuero, Juan Viaño, Francisco Javier Pereira e Jesús Varela Mallou. Foto. Servimav-USC
De esquerda a dereita, Ramón Lorenzo Esperante (da Fundación hospitalaria), Alberto Lens Tuero, Juan Viaño, Francisco Javier Pereira e Jesús Varela Mallou. Foto. Servimav-USC

A Universidade de Santiago realizará un estudo de calidade percibida e satisfacción do paciente para o Hospital Juan Cardona ao longo dos anos 2016, 2017 e 2018. Este é o obxecto do contrato de asesoramento e asistencia técnica que este xoves 26 asinaron o reitor da USC, Juan Viaño; o presidente do padroado da Fundación Santo Hospital de Caridad ‘Hospital General Juan Cardona’, Alberto M. Lens Tuero; e o director xeral da Fundación Empresa-Universidade Galega (FEUGA), Francisco Javier Pereira Pérez.

Durante o acto protocolario de sinatura do acordo, o reitor reafirmou a súa confianza no traballo do grupo de Varela Mallou, por ter demostrado “unha brillante traxectoria nos últimos anos en temas relacionados coa psicoloxía social e coas percepcións que podemos ter cada un de nós ante determinados acontecementos ou estímulos”.

O responsable do desenvolvemento do traballo será o catedrático Jesús Varela Mallou, coordinador do grupo de Psicoloxía do Consumidor e Usuario. Este é un equipo de investigación multidisplicinar xurdido en 1994 para dar resposta a demandas de empresas e organización a través da asesoría e apoio en actividades de avaliación, diagnose e mellor continua no ámbito do comportamento do consumidor, estudos de mercado e opinión.

Ademais da súa experiencia en estudos de imaxe e posicionamento de marca, barómetros e observatorios, estudos de audiencia e eficiencia publicitaria ou en estudos de mercado no relativo a actitudes de comportamento, este grupo tamén traballa na teleprevención sociosanitaria, implantación de sistemas de excelencia na xestión ou no campo da saúde e autonomía persoal, entre outros.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 26.05.2016.