Pasar al contenido principal

A APLTA da USC é un centro de referencia no eido da I+D+i para o sector lácteo e alimentario, destaca a conselleira de Medio Rural

Bueno, Vázquez, Arbones, Do Campo, Díaz e Barreiro, nas instalacións da APLTA
Bueno, Vázquez, Arbones, Do Campo, Díaz e Barreiro, nas instalacións da APLTA
A APLTA traslada a Ángeles Vázquez iniciativas para fomentar o consumo de lácteos e a cultura científica entre a poboación infantil da provincia de Lugo

A Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias (APLTA) do Campus Terra da USC é un centro de referencia nacional e internacional no eido da I+D+i para o sector lácteo e, por extensión, tamén para produtores e industrias do sector agroalimentario, segundo salientou este venres a conselleira de Medio Rural da Xunta de Galicia, Ángeles Vázquez, durante a súa primeira visita ás novas instalacións deste centro universitario emprazadas no polígono lugués de San Fiz.

O traballo e os proxectos de I+D+i desenvolvidos durante as dúas últimas décadas converten a APLTA da USC nun centro especializado e fiable para que as empresas e entidades do sector alimentario recorran a ela na procura de solucións para xerar valor tanto aos produtos como aos procesos empresariais, sinalou Vázquez. Acompañada dos vicerreitores de Coordinación e Desenvolvemento Científico e Tecnolóxico do campus de Lugo, Javier Bueno e Andrés Barreiro, así como do director da APLTA, Enrique Arbones; o profesor da USC Florentino Díaz e a directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo, a conselleira de Medio Rural aproveitou a visita á Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias da USC para adiantar que unha inversión de 3,2 millóns de euros orientada a favorecer a innovación no medio rural. O Consello da Xunta de Galicia vén de aprobar esta semana a inversión de 3,2 millóns de euros nos anos 2016 e 2017 para apoiar iniciativas relacionadas coa innovación no medio rural. A xestión sustentable dos recursos naturais, sistemas agrarios de produción, cadea agroalimentaria, bioeconomía e, entre outras, a aplicación das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) ao sector son áreas prioritarias de actuación ás que vai destinada esta liña de axudas, explicou Vázquez. Estas achegas servirán para financiar proxectos dos grupos operativos da Asociación Europea da Innovación (AEI) e apoiarán iniciativas piloto, ademais do desenvolvemento de novos produtos, prácticas, procesos e tecnoloxías no ámbito agroforestal, dixo. Unha vez completada a visita aos laboratorios e equipamentos tecnolóxicos de que dispón a Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias da USC, o director do centro, Enrique Arbones, e o tamén profesor da USC, Florentino Díaz, informaron á conselleira de Medio Rural das accións de asesoramento rural e da creación da Rede de Asesoramento e Innovación Rural (RAIR) auspiciada pola Rede Igsea, así como doutros programas de formación que desenvolve a APLTA, coa pretensión de establecer convenios entre Xunta e USC en materia de formación de asesores. Os programas de formación desenvolvidos pola APLTA da USC para a transformación de leite en explotacións e pequenas industrias, ademais da organización dunha campaña divulgativa e de sensibilización orientada a promover o consumo de produtos lácteos e a cultura científica na poboación de idade infantil da provincia de Lugo, foron outras das propostas trasladadas á titular de Medio Rural desde a Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias da USC.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 06.05.2016.