Pasar al contenido principal

O OARMA consegue determinar a traxectoria atmosférica do bólido diúrno observado o pasado xoves

Imaxe dun bólido facilitada pola Rede Española de Bólidos e Meteoritos
Imaxe dun bólido facilitada pola Rede Española de Bólidos e Meteoritos

Os investigadores do Observatorio Astronómico Ramón María Aller da USC (OARMA) José Ángel Docobo e Pedro Pablo Campos conseguiron establecer a traxectoria atmosférica do bólido diúrno observado o pasado xoves 27 ás 19:41 horas, grazas aos datos achegados por testemuñas de Galicia, Cantabria, Castela-León e Aragón tanto á Rede Española de Bólidos e Meteoritos como ao propio observatorio.

Pese a que varias persoas tiveron a sensación de que o bólido caera moi cerca, o certo é que o obxecto se fixo visible sobre o norte de Portugal cunha altura aproximada duns 100 quilómetros, e desprazouse cara á costa central asturiana na que a uns 40 quilómetros de altura se deixou de ver aínda que a estela permaneceu no ceo durante uns minutos. Os investigadores pensan que é “moi posible” que non chegase a caer no chan.

Este mesmo ano tivo lugar o 17 de maio outro bólido diúrno no Sur de Galicia, que tamén deixou unha estela final unida a un forte ruído. O caso fora tamén estudado polo OARMA, que concluíu que é posible que neste caso si se producise a caída de meteoritos nunha área “que se está determinando”, aseguran.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 31.10.2016.