Pasar al contenido principal

Impulsan unha investigación en mulleres galegas sobre o uso dos móbiles como instrumentos de inclusión social

Yolanda García traballa cunha bolsa posdoutoral na Universidade estadounidense de California
Yolanda García traballa cunha bolsa posdoutoral na Universidade estadounidense de California
O estudo, unha colaboración da USC e a Universidade de California, levarase a cabo en 25 desempregadas de longa duración de oito concellos galegos

En colaboración coa School of Social Welfare da Universidade estadounidense de California (UCBerkeley) onde se atopa traballando cunha bolsa posdoutoral, a investigadora do grupo Gist-Idega da USC Yolanda García acaba de pór en marcha unha investigación experimental sobre o uso dos teléfonos móbiles como instrumentos de inclusión social de mulleres desempregadas de longa duración.

Para o traballo, a investigadora galega coordina un grupo interdisciplinar no que participan xeógrafos, enxeñeiros informáticos, traballadores sociais e psicólogos, que coa información acadada pretenden abrir unha reflexión sobre as vantaxes e limitacións deses instrumentos tecnolóxicos para as terapias psicosociais.

Os móbiles permiten superar os obstáculos de comunicación e con eles “podemos dar respostas inmediatas de atención psicoterapéutica a calquera persoa en calquera lugar, pero tamén a persoas con problemas sociais, de saúde mental, física u outras”, explica a investigadora. Ademais, apunta como outra virtude a diminución de custes ao reducírense os desprazamentos para a tradicional asistencia ‘cara a cara’ cos médicos, psicólogos e traballadores sociais. De feito, o equipo está desenvolvendo xa aplicacións informáticas automáticas que abaraten esa atención aos servizos públicos sociais.

Mais a pesares destas vantaxes, Yolanda García e os profesores A. Aguilera (Universidade de California), Carlos Ferrás (USC) e A. Rocha (Universidade de Coimbra) comprobaron recentemente a escaseza de investigacións con persoas vulnerables, coa particular excepción dos estudos desenvolvidos en Estados Unidos, onde a utilización destas tecnoloxías ten lugar no ámbito do traballo social e non só no da psicoloxía clínica.

25 galegas vulnerables
Precisamente será unha metodoloxía e tecnoloxía aplicada na Badía de San Francisco (Estados Unidos) coa que traballe o equipo no estudo empírico que agora comeza cun grupo de 25 mulleres vulnerables en Galicia que foron seleccionadas aleatoriamente nun proceso complexo aprobado polos Comités de Bioética da UCBerkeley e da USC. Na investigación colaboran tamén a Consellaría de Familia e Benestar Social e os servizos sociais dos concellos de Brión, Ames, Teo, Rois, Santa Comba, Ordes, Cerceda e Padrón aos que pertencen as mulleres.

O estudo parte de análises de datos cuantitativos e cualitativos cos que se deseña unha terapia biosicosocial que se traduce nun envío sistemático de mensaxes ao teléfono cunha frecuencia e intensidade concreta. E xa hai resultados. “A investigación en marcha estanos demostrando a importancia do acompañamento e consello diario para a modificación da conduta”, explica García.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 20.10.2016.