Once empresas ambientais explicaron as súas axendas de innovación a grupos de investigación galegos

A rede REGATA (Rede Galega de Tecnoloxías Ambientais) e a agrupación estratéxica CRETUS (Center for Research in Environmental Technologies) organizaron este xoves no CEA da USC unha xornada na que once empresas do sector ambiental presentaron a súa axenda de innovación a medio cento de investigadores de cara a identificar potenciais colaboracións cos grupos de investigación.
A xornada ‘Axenda de Innovación das Empresas Ambientais’ estruturouse en dous bloques. No primeiro, dedicado a cuestións relacionadas con tratamento de augas e emisións, participaron as empresas Viaqua (Julio Masid), Cetaqua (Alberto Sánchez), FCC Aqualia (Roberto Fernández), Espina y Delfín (Oscar Rodríguez) e Troposfera (David Cartelle). No segundo bloque sobre tratamento de residuos e solos interviñeron Sogama (Isidro García), Sogarisa (Ángel Niñe), Sologas (Ramón Blanco), TEN (David González), Complexo Medioambiental do Barbanza (Jacobo Patiño) e Edafotec (Rubén Leboreiro).
Esta xornada que co organizan conxuntamente a rede e a agrupación no eido das tecnoloxías ambientais vén precedida doutra que tivo lugar en xuño e no que foron as administracións públicas as que presentaron os seus programas.
Regata e Cretus
A rede REGATA, formada por 17 grupos de investigación das tres universidades galegas, e a agrupación estratéxica CRETUS constituída por 8 grupos da USC foron creadas ao abeiro do Programa de Consolidación de unidades de investigación da Consellaría de Educación e Ordenación Universitaria.
Foto de grupo dos asistentes (Foto: Iria Lema) Na xornada as empresas presentaron as súas axendas de innovación (Foto: Iria Lema)