Pasar al contenido principal

A USC co organiza o XVIII Congreso Internacional de Formación para o Traballo

Celebrarase en Viana do Castelo os días 20 e 21

A USC e o Instituto de Emprego e Formación Profesional da Rexión Norte organizan a décimo oitava edición do Congreso Internacional de Norte de Portugal/Galicia de Formación para o Traballo, do que son co organizadores os docentes de Ciencias da Educación Antonio Rial Sánchez e Margarita Valcarce Fernández. Na xornada inaugural deste xoves 20 en Viana do Castelo está prevista a participación da vicerreitora de Internacionalización, Almudena Hospido.

Dende a súa primeira edición en 1999, este encontro internacional focaliza a súa atención en temas que constitúen fontes de inquedanza, debate, reflexión crítica e divulgación de prácticas e modelos e intervención das múltiples perspectivas da formación para o traballo. A edición deste ano ten por lema ‘Ser novo, ser traballador. Incertezas, desafíos, respostas’ e busca poñer en valor a importancia da educación, a formación e o emprego dos/as máis novos/as na construción dos proxectos persoais e profesionais e no desenvolvemento social e humano.

O programa pon no centro do debate a importancia da educación e a formación en relación coa inserción e o emprego dos máis novos. Para isto incorpora entre os seus temas as pontes entre os sistemas de formación e o emprego; a hiperespecialización e a formación progresiva e permanente; novas formas de organización do traballo; a relevancia das competencias transversais; a importancia das aprendizaxes non formais e formais; ou contextos e modalidades promotoras da autoeficacia dos máis novos, entre outros.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 19.10.2016.