Pasar al contenido principal

AquaTrace permitiu avaliar o impacto da acuicultura nas poboacións salvaxes e calibrar os riscos, sinala Martínez

Investigadores do grupo Acuigen da USC
Investigadores do grupo Acuigen da USC
O coordinador do grupo Acuigen da USC salienta que os obxectivos logrados no marco deste programa europeo contribúen a avanzar cara unha acuicultura sustentable

O coordinador do Acuigen da USC, o catedrático Paulino Martínez, fai un balance “moi positivo” dos resultados acadados no marco do proxecto ‘ AquaTrace’, un programa europeo no que este grupo de investigación da USC participou como integrante dun consorcio formado por 22 socios, entre universidades, centros de investigación, entidades públicas e empresas privadas, e cuxo traballo fixo posible “avaliar o impacto da acuicultura nas poboacións salvaxes das principais especies da acuicultura europea (lubina, rodaballo, dourada, ademais de troita e salmón) e calibrar os riscos existentes.

Os resultados deas investigacións desenvolvidas ao abeiro do proxecto AquaTrace permiten asemade ás autoridades competentes contar coa información e cos datos necesarios para impulsar accións orientadas ao desenvolvemento dunha acuicultura sustentable, indica Martínez. Este investigador explica asemade que esta iniciativa paneuropea xurde a raíz do crecemento da conciencia conservacionista, que resaltar a importancia da variación intraespecífica como materia prima para asegurar o futuro das especies e das poboacións. As poboacións cultivadas están xeneticamente diferenciadas das salvaxes, tanto polos efectos fundadores dun número limitado de individuos como, especialmente, por estar sometidas a forzas selectivas diferentes ás que ocorren na natureza, precisa este investigador, quen tamén subliña que os escapes de peixes de acuicultura constitúen un perigo para as poboacións salvaxes, xa que poden modificar a súa composición xenética e, en consecuencia, o seu potencial de adaptación. AquaTrace permitiu o desenvolvemento de tecnoloxía para monitorizar o futuro impacto dos escapes de individuos de acuicultura e tamén para determinar tanto os riscos como as causas destes feitos. Os avances achados neste eido son importantes, porque se conseguiu desenvolver un conxunto de marcadores xenéticos para cada unha das especies, co que é posible diferenciar individuos cultivados e salvaxes. Respecto da situación da acuicultura e das súas problemáticas no contexto continental, Paulino Martínez destacou a convivencia de elementos transversais con situacións particulares. Os riscos varían en función da especie cultivada, do grao da selección xenética, manexo, lexislación e tamén das particularidades de cultivo en cada rexión. Basta pensar que o cultivo e engorde do rodaballo faise en instalacións terrestres, mentres que a lubina engórdase en gaiolas no mar, comenta. Convencido da necesidade de fomentar este tipo de programas de I+D+i que impliquen a administracións, universidades e empresas do sector produtivo e logo de salientar a colaboración activa da maioría das empresas do sector, Paulino Martínez, referiuse ao AquaTrace como “unha gran oportunidade para promover o desenvolvemento dunha acuicultura que garanta a seguridade do consumidor a través da provisión de proteína de alta calidade e con controis sanitarios. Acuigen O grupo Acuigen da USC está participar en proxectos europeos de I+D+i relacionados coa acuicultura desde o ano 2008, tanto en peixes como en moluscos. O grao de coñecemento adquirido a través destes proxectos e tamén polo feito de traballar en colaboración con algúns dos principais grupos de investigación de Europa e coas diferentes administracións son elementos que teñen contribuído de xeito decisivo ao posicionamento do Acuigen, un grupo comprometido coa conservación dos recursos biolóxicos e co desenvolvemento da acuicultura sustentable, na vangarda da investigación europea neste ámbito.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 19.10.2016.