O Coro internacional XtraVoX actúa o 5 de agosto na Igrexa da Universidade

As voces do coro internacional XtraVoX soarán o 5 de agosto na Igrexa da Universidade nun concerto de entrada libre organizado pola propia Universidade, a través da Área de Cultura da vicerreitoría de Estudantes, Cultura e Responsabilidade Social.
O programa do recital, que terá lugar ás 20.00 horas, está composto por cancións do Renacemento español e dos Códices de Montpellier e Wolfenbüttel; obras de Allegri, Byrd, Monteverdi, Purcell, Brahms, Verdi e MacMillan; e cancións tradicionais chinesas e americanas. Este coro internacional, o sábado, día 6, ás 12 horas cantará na misa da Catedral de Santiago.
XtraVoX é un coro de novos músicos profesionais ingleses, alemáns e holandeses, a maior parte graduados da Universidade de York. Dirixido por Bill Brooks, catedrático das universidades de York (RU) e Illinois (EEUU) e membro do Orpheus Institute de Bélxica, nesta ocasión participa Jonathan Brigg como director asistente.
O coro confórmano as sopranos Ana Beard Fernández (de nai galega), Victoria Braum, Elspeth Piggott, Jessica Towse Burgraff e Mathilde Wantenaar; as altos Laura Baldwin, Rosie Parker, Lucy Pickering e Natasha Worsely; os tenores Jonathan Brigg, Tom Chapman, Nils Greenhow e Jonas van Tol, e os baixos Bill Brooks, Joaquin Cassels, Jack Comerford, Louis Marlowe, Christos Pelekanos e Danny Purtell.