Pasar al contenido principal

O sexto Encontro Ibérico de Matemáticas reunirá na USC investigadores de España e Portugal

Inaugúrase este xoves na Facultade compostelá

Matemáticos/as de España e Portugal reuniranse durante tres días no VI Encontro Ibérico de Matemáticas, congreso bienal que organizan a Real Sociedad Matemática Española (RSME) e a Sociedade Portuguesa de Matemática (SPM) dende 2007 e que este ano se celebrará do 6 ao 8 de outubro na USC.

O encontro inaugúrase este xoves 6 ás 12.30 horas na Aula Magna da Facultade nun acto que presidirá o reitor Juan Viaño e no que ademais participarán o alcalde da cidade, Mariño Noriega; a decana da Facultade, Victoria Otero; o vicepresidente da Sociedade Portuguesa de Matemáticas, Adérito Araújo; e o presidente da súa homóloga en España, Francsico Marcellán. A continuación, Eduardo Sáenz de Cabezón pronuciará a conferencia de apertura ‘Números grandes, enormes e descomunais’.

Esta iniciativa conxunta ten por obxectivo o desenvolvemento e novos proxectos e liñas de traballo entre matemáticos e grupos de investigación de ambos os dous países, tanto en áreas emerxentes como consolidadas a través dunha máxima interacción e intercambio de ideas que propicie a cooperación científica entre os matemáticos/as da Península Ibérica. O congreso é o sexto dunha serie de eventos científicos que se celebra cada dous anos alternativamente en España e Portugal. Desde a súa primeira edición en Lisboa (2007), as outras reunións tiveron lugar en Badaxoz (2008), Braga (2010), Valladolid (2012) e Aveiro (2014).

Tres áreas temáticas
O formato utilizado en cada edición estrutúrase en tres áreas científicos, nas que se combinan tanto enfoques teóricos como aplicados. Nesta ocasión discutiranse cuestións relacionadas con álxebra e combinatoria, con ecuacións diferenciais parciais aplicadas a fluídos e materiais e con informática teórica e ciencias da computación. En cada unha destas áreas impartiranse dúas conferencias plenarias e unha sesión especial na que intervirán conferenciantes convidados e desenvolveranse charlas e comunicacións breves. Esta organización permitirá expoñer as experiencias e resultados de investigadores/as, co obxectivo de favorecer e fomentar novas liñas de traballo.

A presidenta da Comisión Profesional da RSME e responsable da organización do encontro, Victoria Otero Espinar, apunta que “os resultados axudarán a definir e desenvolver novos métodos e técnicas matemáticas que darán lugar a innovacións nos sector tecnolóxico”.

Entre os relatores figuran recoñecidos expertos e expertas nas áreas tratadas así como investigadores novos con carreiras prometedoras. Os conferencias plenarios serán os doutores Pedro V. Silva (Universidade de Porto), Rafael Sendra (Universidade de Alcalá), Ana Leonor Silvestre (Instituto Superior Técnico de Lisboa), Pablo Pedregal (Universidade de Castela A Mancha), Antonio Lopes (Universidade de Lisboa) e Salvador Lucas (Universidade Politécnica de Valencia).

Unha longa relación científica
O presidente da RSME, Francisco Marcellán, resalta a longa tradición de relacións científicas entre as comunidades matemáticas española e portuguesa: “Durante os anos setenta e oitenta do pasado século tiveron lugar as Xornadas Matemáticas Hispano-Lusas, que contribuíron a afianzar relacións entre grupos de investigadores nuns momentos nos que se iniciaba a inmersión na actividade matemática internacional en ambos os dous países tras uns anos escuros de autoensimismamento científico e escasa proxección cualitativa no contexto mundial”.

“O impulso á educación superior tanto en Portugal como en España –prosegue Marcellán–, coa creación de centros universitarios, pero tamén as decididas e innovadoras políticas gobernamentais para o apoio á ciencia e a tecnoloxía, permitiron un notable incremento no número de investigadores, así como a consolidación de grupos en torno a áreas temáticas”. A modo de exemplo, os grupos de Álxebra Liñal portugueses e españois desenvolveron numerosas actividades conxuntas desde mediados dos años oitenta e que tiveron unha gran repercusión internacional”.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 05.10.2016.