Pasar al contenido principal

Estudan en Santiago propostas para un novo sistema de financiamento das comunidades autónomas

O Instituto Universitario de Estudos e Desenvolvemento de Galicia da USC (Idega) e a Fundación de Estudos de Economía Aplicada (Fedea) estudarán este venres 7 nunha xornada en Compostela distintas propostas para o deseño dun novo sistema de financiamento das comunidades autónomas.

Dende hai tres décadas o Idega ten como un dos seus campos de estudo prioritarios a análise da economía de Galicia e das diferentes políticas postas en práctica. Neses ámbitos desenvolveu proxectos de colaboración con Fedea, entidade cunha longa traxectoria de análise das economías rexionais españolas e as políticas públicas.

A xornada que terá lugar este venres no Consello Económico e Social de Galicia (CES Galicia) é unha máis das que desde febreiro organiza Fedea xunto coa Fundación Internacional Olof Palme por toda España para explorar ata que punto é posible ir forxando un consenso sobre as liñas mestras que ten que seguir a necesaria reforma do sistema de financiamento autonómico.

Para a consecución dos obxectivos que se perseguen, a xornada estruturarase en dúas sesións. Unha primeira, ás 10.00 horas, de valoración da situación e presentación técnica de propostas de reforma do sistema na que participarán Xoaquín Fernández e Melchor Fernández, do Idega; Ángel de la Fuente, de Fedea; e Miguel Corgos, director xeral de Planificación e Orzamentos. Xa a segunda parte dedicarase a un debate aberto sobre as propostas desde as diversas perspectivas dos asistentes.

O encontro inaugurarase ás 9.30 horas nun acto ao que asisten o conselleiro de Facenda da Xunta de Galicia, Valeriano Martínez; a presidenta do CES Galicia, Corina Porro; Alberto Meixide, do Idega; Anna Balletbó, da Fundación Internacional Olof Palme; e Ángel de la Fuente (Fedea).

Los contenidos de esta página se actualizaron el 06.10.2016.