Especialistas latinoamericanos e españois debaten no Centro de Estudos Avanzados sobre financiamento local
As quinta Xornadas Iberoamericanas de Finanzas Locais conclúen este xoves no Centro de Estudos Avanzados da USC (CEA) onde especialistas latinoamericanos e españois presentan as súas investigacións centradas no reparto territorial dos fondos públicos, a eficiencia no gasto público, a corrupción e a transparencia. Este é un encontro que organizan o Banco Iberoamericano de Desenvolvemento e a Comisión Económica Para América Latina e o Caribe (CEPAL) coa colaboración da Xunta de Galicia e o Grupo Colmeiro.
No CEA danse cita investigadores/as procedentes de Arxentina, Ecuador, Chile, Colombia, Brasil, Perú, Italia e de España, o que representa unha oportunidade destacada para tender pontes sólidos entre España e América Latina, como explicou na presentación do encontro o catedrático da USC e coordinador do grupo Colmeiro, Luís Caramés. O contido do programa dá continuidade a unha iniciativa de especialistas e académicos en financiamento local iniciada en Toledo en 2011 e con continuidade en Arxentina (2013), Brasil (2014) e Chile (2015).
As xornadas estrutúranse en catro amplos apartados: o marco xeral da descentralización fiscal e a súa relación cos ciclos económicos; a eficiencia e calidade dos gastos sub-nacionais e o sistema de financiamento autonómico e local; o debate sobre os ingresos propios e o acceso ao financiamento dos gobernos rexionais; e o desafío que supoñen estas administracións públicas rexionais.