Pasar al contenido principal

A APLTA da USC forma docentes e empresarios do sector lácteo de Colombia en procesos de filtración tanxencial

Andrés Barreiro, segundo pola esquerda, cos integrantes da delegación colombiana na sede da APLTA da USC
Andrés Barreiro, segundo pola esquerda, cos integrantes da delegación colombiana na sede da APLTA da USC
Representantes da Universidade Nacional de Medellín e da Universidade Libre de Barranquilla exploran novas vías de colaboración coa USC en materia agroalimentaria

Unha delegación colombiana formada por profesores e investigadores da Universidade Nacional de Colombia, con sede en Medellín, e da Universidade Libre de Barranquilla, ademais de dous empresarios que rexentan industrias lácteas no país suramericano, están a recibir un curso de formación teórica e práctica en materia de filtración tanxencial nas novas instalacións da Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias (APLTA) da USC.

Esta actividade formativa, que foi expresamente solicitada e contratada pola delegación colombiana e na que se combinan sesións de formación teórica con sesións prácticas en laboratorio, prolongarase durante toda a semana, tal e como indicou o coordinador da APLTA, o profesor Enrique Arbones, quen subliñou que a demanda deste tipo de formación específica á APLTA por por parte deste grupo colombiano proba a condición de liderado da APLTA da USC en Suramérica, onde é un centro de referencia. O profesor da Universidade Nacional de Colombia José Uriel Sepúlveda é o responsable deste grupo colombiano que está a completar este programa de formación específica en filtración tanxencial, unha actividade da que tamén participan como alumnos o profesor e responsable de posgrados da Universidade Nacional de Colombia, Eduardo Rodríguez Sandoval; Clara Gilma Gutiérrez Castañeda, profesora da Universidade Libre de Barranquilla, e os empresarios do sector leiteiro Jesús Arbelaez Rojas e Jaime Humberto Amaya Álvarez. O investigador e estudante de doutoramento na Universidade Nacional de Medellín Edison Bejarano, quen vai completar unha estadía por un período de seis meses na APLTA da USC para formarse en filtración tanxencial, completa esta expedición suramericana, que permanecerá no campus de Lugo ata o domingo 4 de outubro. A delegación colombiana aproveitará asemade esta estadía en Galicia para visitar a empresa Innolact, radicada en Castro de Rei, ademais da sede do Ligal e as instalacións da empresa Casa Grande de Xanceda. Alén das actividades formativas específicas propiamente ditas, os profesores e representantes da Universidade Nacional de Medellín e da Universidade Libre de Barranquilla teñen previsto aproveitar a súa estadía no campus de Lugo para analizar novas vías de colaboración coa USC, ben a través da articulación de posgraos, intercambio de estudantes, estadías de investigación..., segundo indicou o profesor José Uriel Sepúlveda ao vicerreitor de Desenvolvemento Científico e Tecnolóxico do campus de Lugo, Andrés Barreiro Lois.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 30.09.2015.