Pasar al contenido principal

A delegación da Universidade xaponesa de Kanazawa rematou a súa visita á USC no marco do programa Vía Láctea

A recepción tivo lugar no despacho reitoral (Foto: SERVIMAV-USC)
A recepción tivo lugar no despacho reitoral (Foto: SERVIMAV-USC)
Os estudantes xaponeses xa están na USC, que enviará os seus en abril para comezar o semestre nipón

Dous docentes da Universidade xaponesa de Kanazawa visitaron estas semanas a USC no marco do proxecto de cooperación Vía Láctea que posibilita intercambios e relación académicas e culturais entre Europa e Asia. A visita de Akira Ota e Ulara Tamura rematou na Reitoría cunha recepción por parte do reitor Juan Viaño e do vicerreitor de Internacionalización, Carlos Salgado. O programa Vía Láctea 2014-2017 ten como enfoque a potenciación dos recursos de empregabilidade do alumnado mediante o estudo e desenvolvemento do patrimonio humanístico común que representa a irmandade do Camiño de Santiago co Kumano Kodo de Xapón, ambos patrimonio da humanidade, e inclúe a mobilidade de estudantes, PDI e PAS entre as universidades participantes. Xunto coa USC e a de Kanazawa este programa de mobilidade comprende as de Minho (Portugal) e Aichi Prefectural, tamén xaponesa. Grazas a este programa, que contempla unha formación integral non só académica senón tamén lingüística e empresarial –o alumnado deberá cumprir un período de prácticas en empresas-, 20 estudantes nipóns, 10 da USC e 10 da portuguesa de Minho ampliarán os seus estudos no ámbito das Humanidades á vez que perfeccionarán o coñecemento dun idioma cuxa aprendizaxe xa deberan ter iniciado no seu país de orixe. Ao alumnado hai que sumarlle ademais 20 docentes. O grupo de estudantes nipóns atópase xa na Universidade compostelá, mentres que a delegación de alumnado da USC viaxará en abril a Xapón para comezar as súas actividades formativas coincidindo alí co inicio do semestre. Todos eles contan con bolsas de viaxe e manutención que suman 6.500 euros para cada estadía de cinco meses. Deseño exclusivo Cun deseño único en Europa e Xapón e exclusivo para este proxecto, o programa de mobilidade consiste en dous bloques de dez semanas en cada unha das dúas universidades de acollida, onde as clases e seminarios facilitarán a comparación e contraste dos distintos enfoques de formación cultural. O plan académico de 30 créditos ECTS inclúe tanto a formación lingüística intensiva como a formación cultural-laboral de prácticas coa intención de capacitar o alumnado para a súa integración pleno no mundo laboral. A USC, como universidade coordinadora do programa, presentou o proxecto de Vía Láctea ante a Axencia Executiva da Educación e Cultura Audiovisual (EACEA) da Comisión Europea como parte do programa de cooperación bilateral entre a UE e países industrializados que inclúe Xapón, Korea, Australia e Nova Zelanda. O proxecto foi seleccionado de entre 45 presentados, tendo asignado un financiamento máximo de 190.000 euros para accións de mobilidade de alumnado e profesorado ao longo de tres cursos académicos, ata setembro de 2017.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 27.02.2015.