O catedrático da USC Oro Cabanas afonda na lingüística e no proceso de aprendizaxe do idioma inglés en dúas publicacións

O profesor José Manuel Oro Cabanas, catedrático e coordinador do grupo de investigación Lingua e Cultura da USC, cuxas principais áreas de investigación céntranse nos estudos da lingüística sincrónica e descritiva, así como da lingüística aplicada, afonda en dúas novas publicacións en aspectos relevantes da lingüística e no proceso de ensino e aprendizaxe da lingua inglesa.
No último traballo, publicado en galego e que vén de saír do prelo neste ano 2015 baixo o título ‘Ensinanza-aprendizaxe da lingua inglesa: Tradición e modernidade’, o profesor Oro Cabanas aborda unha serie de inconvenientes e vantaxes que teñen incidencia directa no estudo da lingua inglesa. Este volume vén completar dalgún xeito as achegas xa feitas con anterioridade no libro ‘ Aspectos relevantes de la lingüística: Teoría y aplicación’, unha obra tamén da súa autoría que saíu á luz en 2014.