Deportes organizará en marzo e abril unha escola específica para mulleres sobre defensa persoal e mellora da condición física

O Servizo de Deportes da USC desenvolverá en marzo e abril unha escola específica de Defensa persoal e mellora da condición física para mulleres. As participantes recibirán adestramento en técnicas básicas de defensa persoal ante agresións con e sen armas, ademais de traballar a mellora da súa condición física. Co adestramento familiarizaranse cos movementos básicos de defensa (bloqueo, desvío ou evasión, entre outros), así como técnicas de defensa fronte a agarre polo pulso, cintura, pescozo ou as pernas ou en situacións de golpes ou patadas. Este programa completarase co desenvolvemento de exercicios planificados e repetitivos co obxecto de manter ou mellorar a saúde e a condición física en xeral. As clases celebraranse os martes e xoves en horario de 13.00 a 14.00 horas para un máximo de 40 participantes e un mínimo de doce. As clases impartiranse na sala de artes marciais do Estadio de Atletismo dende o 2 de marzo ao 30 de abril. Como sucede con todas as actividades deportivas do Servizo de Deportes, é preciso estar dada de alta como usuaria da USC para este curso académico. A inscrición na escola farase na web do Servizo ou de xeito presencial na Piscina Universitaria (1º andar) en horario de 9.00 a 14.00 horas.