Pasar al contenido principal

Emilio Rúa abre o Lubicán 2015 na Casa do Saber o 27 coa presentación do seu último traballo, ‘Destino Sur’

Carme Silva, Mario Outeiro e Emilio Rúa, na presentación do ciclo Lubicán 2015
Carme Silva, Mario Outeiro e Emilio Rúa, na presentación do ciclo Lubicán 2015
Pandeiromus, Guadi Galego, Os D’Abaixo, Puntada sen fío e Clave de Fado completan a nómina de artistas convidados á oitava edición deste ciclo de música galega

O músico e cantautor ourensán Emilio Rúa abrirá o 27 de febreiro no auditorio da Casa do Saber de Lugo a programación da oitava edición do Lubicán cun concerto de presentación do seu último traballo, ‘Destino Sur’, o quinto da súa carreira discográfica.

‘Destino Sur’, no que Emilio Rúa conta con colaboracións de grandes artistas como o gaiteiro Xosé Manuel Budiño, o cantautor leonés Fabián ou mesmo Lucía Pérez, é un traballo influenciado pola música folk galega, así como polo country e blues americano. Ademais, logo de tres décadas de bagaxe no mundo da música, Rúa inclúe neste disco temas inéditos en galego, ademais de versións, tamén en galego, de ‘La chica de ayer’ (A moza de onte) e ‘Somewhere over the rainbow’ (Nun lugar do arco da vella). O concerto de Emilio Rúa (guitarra acústica e voz), quen na súa actuación en Lugo estará acompañado por Marcos P. Saburido (batería e percusións), Diego Pérez (contrabaixo e coros), e José Gayoso (guitarra acústica, mandolina e dobro), servirá para botar a andar a programación do Lubicán 2015. Este ciclo, organizado ao abeiro do convenio Lugo Cultural e a través do que se pretende achegar ao público lugués a música de de grupos galegos con diferentes estilos, ademais de promover a xénese de novas formacións, inclúe nesta edición un total de seis concertos. As distintas actuacións programadas, entre as que figuran, ademais de Emilio Rúa, Pandeiromus, Guadi Galego, Os D’Abaixo, Puntada sen fío e Clave de Fado, desenvolveranse desde finais de febreiro ata mediados de xuño, segundo se puxo de manifesto este venres na presentación deste ciclo de música, un acto celebrado na sala de exposicións da Deputación Provincial Lugo e no que participaron a vicerreitora de Servizos Universitarios, Carme Silva, o deputado delegado das áreas de Cultura e Turismo, Mario Outeiro, e o propio Emilio Rúa. Programa de concertos Logo do concerto inaugural, a cargo de Emilio Rúa, a programación do Lubicán 2015 continuará en marzo con Pandeiromus, a primeira banda masculina de pandereiteiros do panorama galego creada en Santiago de Compostelá en 1992. Esta formación, ligada desde o seu nacemento á música tradicional e especialmente atraída pola tradición oral e a música instrumental traerá a Lugo o 12 de marzo o seu terceiro disco, ‘Teño Días’, que é a primeira entrega da triloxía ‘Teño días, teño noites’. Guadi Galego, unha das artistas máis relevantes da escena musical galega volverá no mes de abril ao Lubicán para presentar o día 9 na Casa do Saber o seu último traballo, ‘Lúas de outubro e agosto’, “un canto de amor á muller e á liberdade”, como a propia autora define o que é o seu segundo disco en solitario. O grupo de folk galego Os d’Abaixo, unha formación xurdida alá polo 2010 na bisbarra de Compostela a iniciativa de sete músicos locais que acordaron xuntarse para acompañar as sesións de baile galego e festas tradicionais que se celebraban na contorna, visitará a capital luguesa o 29 de abril para presentar o que é o seu primeiro traballo discográfico ‘Ao vivo en Lorient’, no que recollen algunhas das cancións interpretadas no Festival Intercéltico de Bretaña. O trío musical Puntada sen fío, formado por Xiana Castro, voz; Juan Collazo, percusión, e Roberto Rama, saxo e gaitas, presentará o 21 de maio en Lugo os temas incluídos no seu primeiro traballo ‘A lúa prendeu a luz’, un disco que compila nove temas moi diferentes co pasado como nexo común. O grupo independente Clave de Fado, que vén de presentar o seu primeiro traballo, ‘Xanela’ pechará o 18 de xuño o Lubicán 2015 cun concerto na Casa do Saber, onde ofrecerá un repertorio variado, no que, partindo do fado, interpretará diferentes estilos musicais que permitirán apreciar a virtuosa voz de Iría Estévez. Paco Dicenta, contrabaixo; Isaac Garabatos, viola caipira, e Gonzo Piña, guitarra española, completan a nómina de músicos de Clave de Fado. Todos concertos incluídos na programación do Lubicán 2015, un ciclo organizado ao abeiro do convenio Lugo Cultural, que conta con financiamento do Concello e da Área de Cultura e Turismo da Deputación Provincial de Lugo, ademais da propia USC, desenvolveranse no auditorio da Casa do Saber a partir das 20.30 horas. A entrada será libre e de balde para todas as persoas interesadas ata completar o aforo.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 20.02.2015.