Entrega dos premios do programa Argos aos mellores proxectos emprendedores
A entrega de premios aos mellores proxectos empresariais porá o broche á segunda edición de Argos, un programa de creación de equipos de persoas emprendedoras dispostas a traballar en equipo para desenvolver un proxecto de negocio innovador que supoña unha alternativa laboral real de cara ao futuro. O reitor Juan Viaño presidirá este venres 27 a entrega de premios aos equipos de emprendedores resultantes nun acto a partir das 11.00 horas no Salón Reitoral do Colexio de San Xerome. Tamén intervirán a concelleira de Educación e Xuventude do Concello de Santiago, Maite Cancelo Márquez; o director de Servizos da Axencia Galega de Innovación, José Manuel Abella Anido; o director de COmpetitividade do IGAPE, Norberto Penedo Rey; e o director da Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento da USC, José Luis Villaverde Acuña. Argos contempla un premio por cada unha das dúas categorías convocadas: Argos Spin, para proxectos empresariais xurdidos a partir dalgún resultado de investigación xerado na USC; e Argos Enxeño, dirixido aos proxectos xurdidos das ideas de negocio achegadas polos participantes no programa. Cada premio suporá unha achega en metálico de 3.000 euros, seis meses de acceso gratuíto a espazos de incubación e a asistencia técnica durante o proceso de constitución da empresa. Argos A Área de Valoración, Transferencia e Emprendemento da USC (AVTE) puxo en marcha a segunda edición de Argos, coa colaboración da incubadora de empresas da USC, Uninova, e as facultades de Ciencias Económicas e Empresariais de Santiago e a de Administración e Dirección de Empresas de Lugo. A convocatoria dirixíase a alumnado dos últimos anos de licenciatura ou grao, así como ao de posgrao, máster ou doutoramento e a titulados/as das últimas promocións e colaboradores ou persoal integrado en grupos de investigación. O programa estaba estruturado en tres fases diferentes que comprendían formación, a creación de equipos e o asesoramento para a elaborar un plan de empresa.