Pasar al contenido principal

A USC participa no programa Yuzz, de apoio e financiamento para ideas de negocio

A Universidade de Santiago inicia a súa colaboración coa Xunta de Galicia para brindar un espazo de traballo, formación gratuíta e titorización personalizada aos mozos e mozas que queiran participar no programa YUZZ ‘Jóvenes con ideas’ que impulsa o Centro Internacional Santander Emprendimiento (CISE) co apoio de Banco Santander. As persoas interesadas poderán presentar a súa candidatura de forma gratuíta en www.yuzz.org ata o 26 de febreiro. Quen resulte seleccionado poderá desenvolver a súa idea de negocio e os mellores proxectos optarán a múltiples viaxes a Silicon Valley, bolsas para asistir ao Fórum IMPULSA e 60.000 euros en premios para financiar o seu proxecto. YUZZ YUZZ é un programa dirixido a persoas de entre 18 e 30 anos que ofrece, durante cinco meses, apoio, formación e asesoramento para elaborar plans de negocio baseados en ideas de base tecnolóxica. Nas súas cinco edicións anteriores creáronse máis de 500 empresas e no último ano participaron 600 emprendedores con 378 proxectos. A colaboración da USC, xunto a outras 43 entidades locais públicas e privadas, fai posible que CISE desenvolva o programa en todo o país. YUZZ conta ademais co apoio doutras entidades e organizacións a nivel nacional como Indra, Intel, Tuenti, Secot, a Fundación Princesa de Girona ou a Fundación INCYDE, Emprendedores e RedEmprendia que apostan pola promoción do talento de mozos con proxectos de negocio. Esta edición incorpora novidades significativas: incrementa a máis de 40 o número de Centros YUZZ -sendo universidades moitas destas incorporacións-; melloras na planificación do programa formativo; incremento das bolsas para viaxar a Silicon Valley; maior número de premios e entregaranse bolsas para asistir ao Fórum IMPULSA, o maior evento de emprendemento nacional. Ideas con potencial Para a selección de participantes realizaranse entrevistas persoais tras unha preselección baseada na valoración de aspectos como o perfil emprendedor, a traxectoria do/a candidato/a, a súa capacidade para comunicar a idea proposta, o compoñente innovador do proxecto, a súa creatividade e o potencial de crecemento do negocio. Os proxectos elixidos incorporaranse ao programa e poderán beneficiarse do acceso ao centro YUZZ da Coruña, Vigo ou de Santiago, onde contarán con espazo físico para desenvolver a súa idea, poderán relacionarse con outros emprendedores e recibir formación dunha rede de máis de 200 expertos profesionais que os guiarán, xunto cun titor individual, na realización do plan de negocio máis viable para cada proxecto. Unha vez finalizado o proceso de formación e asesoramento, os mellores de cada un dos centros YUZZ viaxarán a Silicon Valley, a meca mundial de innovación no ámbito das novas tecnoloxías, onde se lles brindará acceso a foros de financiamento, asesoramento e contacto con investidores. Ademais, os tres mellores proxectos de todo o país recibirán unha dotación económica para axudarlles a poñer en marcha o seu negocio: 30.000 € para o primeiro premio, 20.000 € para o segundo e 10.000 € para o terceiro.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 24.02.2015.