Pasar al contenido principal

Un foro de manexo e fertilidade de solos en agricultura ecolóxica cita en Lugo uns 80 investigadores e produtores de toda España

Asisentes ao seminario sobre manexo do solo e fertilidade en agricultura ecolóxica
Asisentes ao seminario sobre manexo do solo e fertilidade en agricultura ecolóxica
Xan Neira abre na EPS os relatorios dun curso, que sitúa o campus de Lugo na vangarda da agroecoloxía e durante o que este venres se conmemora o Ano Mundial dos Solos

O seminario ‘Manexo do solo e fertilidade en agricultura ecolóxica’, organizado pola USC en colaboración coa Sociedade Española de Agricultura Ecolóxica (SEAE), botou a andar este venres na Escola Politécnica Superior do campus de Lugo con máis de 70 persoas inscritas, entre elas investigadores, técnicos, e produtores procedentes das distintas provincias galegas, así como de Asturias, Cataluña e Estremadura.

O profesor da USC e vicepresidente da SEAE, Xan Neira Seijo, abriu a quenda de relatorios deste foro cunha exposición sobre as bases ecolóxicas e os fundamentos agronómicos sobre os que se asenta a agroecoloxía. A modo de presentación, a intervención do profesor Xan Neira serviu para contextualizar e introducir ás persoas inscritas no seminario nas temáticas sobre as que versarán as distintas sesións de traballos programadas para este venres e sábado, nas que distintos relatores afondarán no coñecemento de, entre outras cuestións, de bases ecolóxicas e fundamentos agronómicos, fertilidade dos solos e plans de fertilización, conservación da biodiversidade, calidade dos alimentos, diversidade vexetal en agricultura ecolóxica, aproveitamento dos recursos locais e na relación dos animais coa fertilidade do solo. A profesora e subdirectora de Calidade e Relacións Exteriores da Escola Politécnica Superior de Lugo, Ana Isabel García Arias, apuntou na apertura deste foro o claro compromiso do centro universitario lugués coa potenciación da agroecoloxía e das producións ecolóxicas, unha liña de traballo e estudo que encetou na EPS o profesor Ramón Fuentes Colmeiro, lembrou. O compromiso da Deputación Provincial de Lugo co desenvolvemento da agricultura ecolóxica e do medio rural na provincia é total, dixo a deputada de Medio Ambiente e Enerxías Renovables, Sonsoles López Izquierdo, quen aproveitou a inauguración deste seminario para adiantar o convenio de colaboración entre a Deputación e a SEAE a prol do fomento de prácticas agroecolóxicas será xa unha realidade ao longo deste seminario. O aumento das producións ecolóxicas e tamén da superficie cultivada en Galicia foron dous dos aspectos subliñados polo presidente do Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega), Ernesto Sánchez. Neste senso, a directora do Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural, destacou a crecente demanda que están a experimentar os produtos ecolóxicos entre a cidadanía, unha tendencia tamén sinalada polo consultor agroecolóxico da SEAE Carlos Brea Pallares. Este lembrou asemade que máis de 20 produtores colaboran na organización deste seminario, cuxos participantes poderán coñecer e degustar os seus respectivos alimentos. “A agricultura e, nomeadamente, a agricultura e as producións agroecolóxicas son tamén manifestacións importantes da cultura galega”, sinalou o deputado provincial delgado da área de Cultura e Turismo, Mario Outeiro, quen logo de remarcar esta ligazón, indicou os participantes nas distintas sesións deste seminario poderán tamén coñecer outras expresións da cultura galega a través dos espectáculos de música tradicional galega programados no refectorio do Museo Provincial de Lugo. Os compoñentes de Clave de Fado Iria Estévez e Gonzo Piña ofrecerán un recital este venres, a partir das 20.30 horas, no Museo, que acubillará o sábado 7, á mesma hora, unha actuación da formación Os Parentes, de Sober. Ano Mundial dos Solos As distintas sesións deseñadas no marco deste programa formativo e de divulgación, impulsado pola USC en colaboración coa Sociedade Española de Agricultura Ecolóxica (SEAE), desenvolveranse na Escola Politécnica Superior do campus de Lugo, agás a sesión organizada co gallo da conmemoración do Ano Mundial dos Solos, un acto aberto ao público en xeral que celebrará este venres, a partir das 19.00 horas, no auditorio da Casa do Saber, onde a presidenta da SEAE, Dolores Raigón, e Julio César Javier Tello, ofrecerán o relatorio ‘Solos sans para unha vida sa’. Neira, Sánchez, López, García, Outeiro e Brea, na apertura do foro na Escola Politécnica Superior

Los contenidos de esta página se actualizaron el 06.02.2015.