Pasar al contenido principal

Abre o prazo para presentar candidaturas ao XIX Premio Internacional Grupo Compostela-Xunta de Galicia

O Grupo Compostela de Universidades e a Xunta de Galicia acaban de abrir o prazo para presentar candidaturas á XIX edición do seu Premio Internacional que recoñece persoas e organizacións promotoras de proxectos ou ideas especialmente relacionadas co ideal común europeo, a educación e a preservación da herdanza cultural. O gañador ou gañadora do Premio Grupo Compostela-Xunta de Galicia, que se coñecerá en abril, recibirá 6.000 euros para doar a unha ONG ou proxecto educativo da súa elección. A cerimonia de entrega celebrarase o 25 de setembro na Universidade de Santiago durante a XXI Asemblea Xeral do Grupo Compostela de Universidades. Dado que o evento terá este año como eixo temático o Camiño de Santiago, o Grupo Compostela anima de forma especial a presentar candidaturas vinculadas a esta ruta de peregrinación e outros camiños culturais e de coñecemento. Para propoñer unha candidatura deberase completar o formulario oficial, dispoñible no web do Grupo Compostela, e envialo á Secretaría da Asociación (Casa da Cuncha, rúa da Conga, 1, 15782 Santiago) co 15 de marzo como data límite. Dende a súa creación en 1997 recibiron o galardón figuras destacadas de moi diferentes ámbitos. O máis recente, de 2014, recaeu no científico sueco Lennart Levi como recoñecemento á promoción dos valores europeos a través dunha carreira comprometida e orientada á mellora do benestar físico, mental e social de poboacións enteiras. O Grupo Compostela A asociación de institucións de educación superior Grupo Compostela de Universidades reúne 66 universidades de 28 países diferentes de Europa (entre as que se atopan as tres galegas), América e Asia. Creada en 1994 como iniciativa da Universidade de Santiago de Compostela, entre os seus obxectivos principais están fortalecer as canles de comunicación entre os seus socios, organizar eventos para o estudo e debate sobre cuestións de interese na educación superior e promover a mobilidade entre os seus membros como base para impulsar o coñecemento de culturas e linguas.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 09.02.2015.