O Café de Idiomas, unha alternativa para practicar idiomas sen obrigas, dun modo libre e informal

Practicar a expresión oral noutros idiomas, sen docentes nin obrigas e dun modo libre e informal. O Café de Idiomas que organiza novamente este curso o Centro de Linguas Modernas (CLM) representa unha oportunidade alternativa para todas aquelas persoas interesas en practicar a expresión oral en alemán, árabe, catalán, checo, chinés, español como lingua estranxeira, éuscaro, galego para non galegofalantes, francés, italiano, polaco, portugués e xaponés. Ademais tamén haberá sesións dedicadas á lingua de signos. Neste ocasión e a partir do luns 9, as xornadas do Café de Linguas celebrarase na Biblioteca Concepción Arenal (que toma o relevo da Ánxel Casal) co engadido de converterse tamén en punto de encontro tanto para o alumnado como para aqueles que en anos pasados cursaron estudos no CLM de xeito que atoparán nesta Biblioteca un contexto distinto e tranquilo no que poder seguir practicando dun xeito informal as súas competencias lingüística orais. Todas as persoas interesadas en asistir ao Café de Linguas poden acudir xa dende este luns 9 ao punto de encontro localizado no vestíbulo da Biblioteca nos distintos horarios programadas para cada idioma. Concretamente, de 16.30 a 17.00 horas celebraranse as sesións de español (luns), checo (martes), chinés (mércores), alemán (xoves) e lingua de signos (venres). De 18.00 a 19.00 horas será a quenda para o catalán (luns), francés (martes), portugués (mércores), árabe (xoves) e polaco (venres). Finalmente, de 19.30 a 20.30 horas daranse cita as persoas interesadas polo inglés (luns), italiano (martes), galego para non galegofalante (mércores), ruso (xoves) e xaponés (venres). Para que a sesión se poida desenvolver é necesario un mínimo de dúas persoas sen que sexa preciso inscrición previa. Para facilitar a organización das xornadas, a Biblioteca creou un taboleiro coa finalidade de que as persoas que se acheguen ao Café de Linguas e non coincidan nese intre con alguén con que practicar, poidan contactar con outras que se atoparon na mesma situación. A inscrición nestes taboleiro é voluntaria sendo os propios usuarios/as quen se encarga da súa xestión para acordar días, horas e lugar habilitados para os encontros.