Encontro en Políticas sobre a relación entre a sociedade civil e as organizacións políticas
Este mércores 11 terán lugar na Facultade Ciencias Políticas e Sociais unhas xornadas de debate que abordarán a relación entre a sociedade civil e as organizacións políticas dende un marco de confluencia. Organizado polas profesoras Isabel Diz e Marta Lois, o encontro estudará a maneira en que as mareas cidadás e as organizacións civís en xeral buscan incidir na política institucional e na dimensión electoral-representativa. Profundarase ademais en cómo os partidos políticos están levando a cabo os seus procesos de reflexión interna “sobre o que debería ser o seu rol para continuar exercendo como actores centrais da democracia”, explican as docentes. As xornadas comezarán ás 16.00 horas co relatorio ‘Novas formas de participación cidadá en tempos de crise’ a cargo de Xulio Ferreiro, de Marea atlántica, e Andrés Cernadas, de Guanyem-Barcelona. A continuación terá lugar unha mesa de debate na que Fernando Lacaci, da Federación de Anpas Compostela, falará de educación; de innovación cultural farao Xesús Ron, de Chévere; de dereito á vivenda disertará María Díaz de Pablo, de STOP Desafiuzamentos Compostela; Mercedes Vázquez, da Asociación de veciños A Xuntanza, será quen fale sobre movemento veciñal; e Ana Fernández Otero, do proxecto Integral Compostela, de economía social. Seguiralle outra mesa redonda na que intervirán representantes de Anova, BNG, Compostela Aberta, CxG, EU e Podemos.