Pasar al contenido principal

Militancia e coñecemento centran este mércores a conversa aberta do CulturaLab no Museo de Lugo

As conversas abertas do Culturalab do máster de Servizos Culturais da USC que teñen lugar no Museo Provincial de Lugo terán este mércores, a partir das 19.00 horas unha nova entrega, na que participará Lucía Castro, quen conta cunha ampla traxectoria no ámbito dos movementos sociais e o pensamento contemporáneo.

Nesta conversa do Culturalab tentarase pensar entre todas as persoas participantes no papel que está a xogar o coñecemento no proceso de socialización capitalista, achegándonos ás formas nas que os movementos sociais tratan de rachar con el e de abrir novas canles de circulación. Estes activismos que procuran facer visible o invisible, sendo xestores do común e produtores de resistencia, habitan na fenda do modelo social, a expensas na súa precariedade daquilo que pretenden cambiar. Por iso é sempre pertinente, segundo a conversadora Lucía Castro, reflexionar colectivamente sobre as estratexias de contaminación que cabe poñer en marcha. Esta conversa transitará a través de diferentes proxectos como poden ser as hortas veciñais e comunitarias, as cooperativas integrais e outros moitos proxectos que están a activar ou traballar a prol do que nos é común Próximas sesións

As Conversas do CulturaLab do Máster de Servizos Culturais da USC están abertas a cidadanía e queren converterse nun lugar de encontro, nun espazo no que conversar e por este motivo animamos a todas as persoas interesadas a participar neste espazo innovador que ten lugar todos os mércores de febreiro. As próximas sesións contaremos con Xesús Ron do Grupo Chévere con quen falaremos arredor da idea de emprendemento e das relacións coa administración. Remataremos estas conversas coa participación de Man Hauser do Alga-Lab con quen abordaremos a cuestión do dixital e como está a mudar as relacións sociais e a propia cultura. Pódese obter máis información na ligazón http://culturalab.tumblr.com.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 11.02.2015.