Pasar al contenido principal

A SEAE reforza as ligazóns coa USC e asina un convenio coa Deputación de Lugo para impulsar o enfoque agroecolóxico

Membros da xunta directiva da SEAE con investigadores da USC e responsables políticos da Deputación de Lugo
Membros da xunta directiva da SEAE con investigadores da USC e responsables políticos da Deputación de Lugo

A Sociedade Española de Agricultura Ecolóxica (SEAE) reforza as vellas ligazóns xa existentes coa USC e asina un convenio coa Deputación Provincial de Lugo para impulsar o enfoque e a perspectiva agroecolóxica a todos os niveis a través da praxe desenvolvida ou promovida polas institucións.

A celebración do seminario ‘Manexo do solo e fertilización en agricultura ecolóxica’, un foro que cito os pasados días 6 e 7 de febreiro na Escola Politécnica Superior de Lugo preto de 80 investigadores e técnicos procedentes de diversos localizacións españolas, así como os membros da xunta directiva da SEAE, encabezada pola presidenta desta sociedade científica, Dolores Raigón, serviu ademais de para favorecer o intercambio de coñecementos e experiencias, para revitalizar a agroecoloxía como alternativa real. A xunta directiva da Sociedade Española de Agricultura Ecolóxica, da que é vicepresidente o tamén profesor na Escola Politécnica Superior da USC Xan Neira Seijo, aproveitou a súa estadía en Lugo para fortalecer as súas relacións coa propia EPS e co Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (Ibader) cara á realización de accións e programas futuros que situarían o campus universitario lugués á cabeza da investigación e do desenvolvemento da perspectiva agroecolóxica. Dolores Raigón tamén asinou durante a súa estadía na capital luguesa un convenio de colaboración entre a sociedade que preside coa Deputación Provincial de Lugo, un acordo que permite establecer un protocolo e se cabe, darlle máis visibilidade, á colaboración e o bo entendemento existente entre as dúas partes deste hai anos. O seminario sobre manexo de solos e fertilización en agricultura ecolóxica constituíu tamén un foro no que os integrantes e a propia xunta directiva da SEAE volveu reivindicar a necesidade de mudar o modelo agrícola convencional cara un novo sistema que favoreza a alimentación das persoas e a xestión dos espazos agrarios sen os prexuízos da contaminación nin os efectos na saúde dos produtos agrarios e da gandería industrial. A SEAE puxo tamén de manifesto a súa predisposición, como sociedade científica, de máxima colaboración para favorecer a incorporación do enfoque agroecolóxico na praxe das institucións, a través do deseño de políticas favorecedoras, grupos de investigación..., así como da incorporación destas liñas de traballo nos centros de formación e a súa implementación nos respectivos planos de estudo.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 10.02.2015.