Pasar al contenido principal

O CulturaLab reivindica darlle visibilidade aos coidados e aos afectos como formas de coñecemento

Lucía Castro, na conversa do CulturaLab celebrada no Museo Provincial de Lugo
Lucía Castro, na conversa do CulturaLab celebrada no Museo Provincial de Lugo
A integrante do proxecto Derriba, comunidade e pensamento Lucía Castro guiou no Museo Provincial de Lugo unha sesión aberta do ciclo de conversas do CulturaLab

O CulturaLab do máster en Servizos Culturais da USC reivindica os coidados e os afectos como formas de coñecemento, aínda que recoñece que a súa invisibilidade pode deberse a que estas actitudes ou accións forman xa porta das rutinas cotiás, segundo sinalou Lucía Castro.

A integrante do proxecto Derriba, comunidade e pensamento, editado pola revista ‘Derritaxes’, que participou como convidada na conversa aberta celebrada este mércores no Museo Provincial de Lugo, estableceu un diálogo íntimo co público asistente no que os diferentes interlocutores deambularon e cuestionaron o significado de militancia e coñecemento, dous dos eixos temáticos da sesión. O activismo como actitude e como movemento foi sinalado como unhas das características destes procesos que reivindican un cambio, un proceso de construción de novas formas de estar e de ser no mundo contemporáneo. O compromiso e a toma de partida foi sinalada como outras das características que definen a militancia. Para Lucía Castro, mediadora do encontro, “a reivindicación do outro e da diversidade son cuestións fundamentais para poder avanzar no impulso dos comúns”. A segunda das conversas abertas desenvolvidas no marco do CulturaLab non buscaba resultados finais, xa que a súa pretensión, do mesmo xeito que o CulturaLab, pasa por crear un lugar de encontro. Neste espazo de debate, as intervencións transitaron a través de proxectos como as cooperativas integrais, moedas sociais e a creación doutras “sociedades paralelas”. Estas novas realidades procuran dalgunha maneira, tal e como se sinalou no encontro, artellar formas de relación social alleas ás tradicionais. Rematouse a conversa afirmando como os coidados e afectos son outras formas de coñecemento, que resultan invisibles en tanto forman parte do cotiá. Para a mediadora da conversa, Lucía Castro, cómpre facer visibles estes coidados, xa que así permitirán garantir a sustentabilidade dos proxectos, non só é cuestión de capital económico, senón do impulso dunha rede de afectos mutuos. Nas próximas conversas do Culturalab do Máster de Servizos Culturais contaremos coa presenza de Xesús Ron do Grupo Chévere (mércores 18 de febreiro, 19:00 horas) con quen se debaterá arredor da idea de emprendemento e das relacións coa administración. Remataremos estas conversas coa participación de Man Hauser do Alga-Lab (25 de febreiro, 19:00 horas) con quen se abordará a cuestión do dixital e como está a mudar as relacións sociais e a propia cultura.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 12.02.2015.