A USC reforza a programación da Universidade de Verán 2015 en Lugo co financiamento de 25 accións formativas e de divulgación
A USC reforza a programación da súa Universidade de Verán 2015 en Lugo co financiamento de 25 accións formativas e de divulgación que se desenvolverán ao longo dos meses de xuño, xullo e setembro nos distintos centros universitarios do campus lugués e noutras instalacións da capital luguesa, así como noutros enclaves dos concellos de Guitiriz, A Pastoriza, Folgoso do Courel e Cervantes.
A liña específica de achegas para o desenvolvemento de accións formativas estivais na provincia de Lugo habilitada desde a Vicerreitoría de Coordinación e incluída entre as medidas contempladas no plan de estímulo asinado entre Deputación Provincial de Lugo e USC ten unha dotación orzamentaria total de 30.000 euros. As achegas aprobadas no marco desta convocatoria, que en ningún caso é superior ao orzamento total da actividade, teñen un importe variable que oscila entre 600 e 1.650 euros, en función dos criterios de avaliación académicos e científicos fixados nas bases da mesma. A temática das accións formativa estivais aptas para recibir financiamento a través desta convocatoria é diversa e abrangue as distintas áreas do saber, pois hai propostas relacionadas co eido paisaxístico e medioambiental, outras ligadas á educación, didáctica e mediación cultural, patrimonio, normativa de uso de fitosanitarios, minimización de residuos e valoración de subprodutos, apicultura, oncoloxía, conservación e xestión da biodiversidade, teatro e dinámicas en grupo... Os vicerreitores de Coordinación e de Servizos Universitarios do campus de Lugo, Javier Bueno e Carme Silva, respectivamente, que formaron parte da comisión responsable de resolver esta convocatoria de axudas, sinalaron que esta medida constitúe un estímulo engadido para potenciar a visibilidade da actividade docente e de investigación que se está a desenvolver nos distintos centros da sede universitaria luguesa. Un feito que constata esta percepción dos vicerreitores é o incremento do número de xornadas, simposios e cursos propostos para a súa inclusión na programación da Universidade de Verán 2015. Daquela, cómpre sinalar que se ben o número de accións estivais susceptibles de recibir financiamento a través desta convocatoria de achegas é de 25, unha cifra que case duplica o promedio de programas estivais que viña desenvolvendo a USC en Lugo durante os últimos anos e á que se suman outras propostas cuxos promotores non concorreron como solicitantes a este programa de achegas aberto o pasado mes de decembro. Respecto da contía das axudas aprobadas para cada unha das solicitudes rexistradas, a vicerreitora de Servizos Universitarios Carme Silva, lembrou que a distribución das asignacións económicas responde a criterios fixados nas bases da convocatoria. Así, a maior ou menor duración dos programas de formativos propostos, a súa contribución para dar visibilidade e promover aspectos da docencia e da investigación do campus de Lugo, a organización de actividades abertas ao público en xeral, a relevancia e o prestixio dos relatores e a implicación ou colaboración dalgunha entidade institucional ou social radicada na provincia de Lugo na organización dos cursos foron algúns dos criterios tidos en conta pola comisión avaliadora, dixo Silva.