Estudantes de ensino medio achéganse á experimentación na Facultade de Ciencias coa campaña ‘Ciencia para novos investigadores’
A campaña ‘Ciencia para novos investigadores’ achegou este luns que preto de 30 estudantes de cuarto curso de ESO no IES Sanxillao da capital luguesa aos laboratorios da Facultade de Ciencias, onde, baixo a supervisión de diversos profesores do centro universitario, puideron desenvolver distintos experimentos científicos de temática e complexidade diversa. A temática das actividades promovidas pola Facultade de Ciencias a través desta iniciativa de estímulo de vocacións científicas entre os estudantes de ensino medio é variada e abrangue actividades relacionadas coas ciencias da saúde, tales como a observación de tecidos e células do sangue a través de microscopio ata outros labores de experimentación máis propios de aplicacións físicas, químicas ou da enxeñaría, como pode ser a deshidratación de alimentos. Os distintos obradoiros organizados polos docentes e demais persoal da Facultade de Ciencias ao abeiro desta iniciativa prolongáronse durante toda a xornada matinal, de 10.00 a 13.30 horas. Así, logo dun breve acto de benvida guiado polo decano da Facultade de Ciencias, José Manuel Martínez Ageitos, os estudantes do IES Sanxillado percorreron distintos laboratorios do centro, nos que foron protagonistas e/ou testemuñas de experimentos sinxelos que lles ofrecen unha visión práctica e diferente das múltiples posibilidades que ofrece a ciencia. O achegamento da ciencia á poboación máis nova é un dos obxectivos da campaña ‘Ciencia para xoves investigadores’, un programa que xa vai pola súa terceira edición e que terá continuidade ata o vindeiro 22 de xaneiro na Facultade de Ciencias de Lugo, por onde ser agarda que pasen uns 250 escolares pertencentes a seis centros educativos da capital luguesa durante as oito sesións programadas. O IES Sanxillao abriu este luns o programa de divulgación e estímulo de vocacións científicas entre escolares promovido pola Facultade de Ciencias, que tamén busca así dar a coñecer e presentar a súa oferta de títulos de grao en Nutrición Humana e Dietética e Enxeñaría de Procesos Químicos Industriais como opcións a ter en conta polos futuros estudantes universitarios. Máis de 60 estudantes do IES Nosa Señora dos Ollos Grandes de Lugo serán este martes os protagonistas desta iniciativa de difusión da actividade investigadora, un programa que nos vindeiros días terá como convidados estudantes do IES Ánxel Fole, Colexio Divino Maestro, Colexio Marista La Inmaculada e Colexio San José.